19 de agosto de 2017

A FAMILIA DE PEPE VARELA

    Alédame especialmente poder ofrecer hoxe esta imaxe captada por Manuel Galego Iglesias n’Agolada a principios dos anos 60 do pasado século. A foto recolle unha familia que celebra a Primeira Comuñón do fillo e quixo retratarse diante do domicilio familiar.
    Cada familia ten a súa historia. E da historia desta familia só coñezo unha mínima parte. Quizais alguén nola poida completar. O matrimonio de Manuel Varela e Divina Castro asentouse na vila dos Pendellos, procedentes de aldeas próximas. Construíron casa a carón da estrada nacional e Manuel traballou  de zapateiro nun taller sito no seu propio domicilio. Divina coidaba dos fillos e da casa e rexentou tamén o primeiro comedor escolar que houbo na vila. É dicir, os nenos que acudían desde lonxe ás escolas de dona Esclavitud e de don Ulrico, ían comer ao domicilio de Divina e Manuel, a quen a Administración lles pagaba o estipendio correspondente. Os fillos, Pepe e Mari Paz, criáronse na veciñanza e acudían ás devanditas escolas. Mais chegou un día en que esta familia sentiu a necesidade de prosperar lonxe da terra natal. E o seu novo destino estaba no País Vasco (descoñezo outros detalles). Desde entón pouco volvín saber desta familia. E actualmente nada sei. Si sei que estas persoas formaban parte da tribo da miña infancia e que as súas caras figuraban desdibuxadas na miña memoria. Esta fotografía veu a rescatalas. A recuperación da memoria da infancia despois de decenas de anos é un regalo que cómpre valorar xustamente.
    Pepe Varela, o neno que viste de Primeira Comuñón, era meu compañeiro de escola. Un neno con sona de traste, argalleiro e pelexón. Adxectivos que poderían ser aplicables a moitos de nós. Agora que o vexo na foto todos eses calificativos parécenme esaxerados. E gustaríame saber que foi del ao longo de todos estes anos. Porque de nenos compartimos aula, xogos e veciñanza. E tamén qué foi do resto da familia. Hai emigrados que retornan cando xubilan, descoñezo se estes retornaron.
    O arquivo de Manuel Galego tennos reservadas aínda bastantes lembranzas semellantes.

1 comentario:

  1. "Si sei que estas persoas formaban parte da tribo da miña infancia. A recuperación da memoria da infancia despois de decenas de anos é un regalo que cómpre valorar xustamente". Un servidor non pode estar máis de acordo.

    ResponderEliminar