29 de novembro de 2017

NA SAÍDA DO BAUTIZO

O arquivo de Manuel Galego é unha valiosísima terapia contra a desmemoria. Cada imaxe retrotráenos máis de medio século e nese lapso de tempo o procesador dos recordos esfórzase na identificación das persoas e naquelas vivencias que o branco e negro nos converte en "antigas".
Transcorre esta escena nos primeiros anos 60 do século pasado, na incipiente vila de Agolada. O decorado de fondo ocúpano varias casetas da feira, algunhas casas, dúas árbores e un Seat 1500.
O grupo retrátase porque están de cerimonia, acaban de celebrar un bautizo. Á saída da igrexa, xusto en fronte, está Manuel Galego para perpetuar o acontecemento con este documento gráfico, importante entón, un tesouro actualmente. Un bautizo da época, sinxelo, humilde. A alegría dunha nova vida para o pobo. Daquela había moitas destas alegrías.
Agolada construíuse en pedra de pendello. De aí este escenario. Casas e pendellos son biscoitos de idéntica masa. Quizais o tamaño e os remates poidan diferenciar as vivendas das humildes casoupas que goreceron gandos e feirantes. Aquela pedra gra en cachotes foi testemuña destes acontecementos e das rutinas de a cotío. A vida transitaba por camiños e rueiros, alleos a asfaltos e cementos. Pedra, terra e xabre, eis os pavimentos para certificar a terra firme. Terra con recendo  a infancia, enorme campa da feira tripada de multitudes.
Deixo para os lectores de Agolada a agradable tarefa de identificar persoas e recuperar lembranzas esquecidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario