27 de decembro de 2017

CRUCEIROS AOS QUE LLES DISPUTAN O SEU ESPAZO

Poucas persoas discutirán o valor monumental e simbólico dos cruceiros. Forman parte íntima das nosas encrucilladas,  santifican os adros, adornan os campos da festa, escoltan os vieiros, presiden as prazas principais, conmemoran feitos varios... Forman parte do noso imaxinario popular.
Este patrimonio da arquitectura popular non sempre é considerado adecuadamente. Desde que se iniciara a construción dos modernos camiños, estradas e prazas ao longo dos últimos setenta anos, estes monumentos están a experimentar ameazas de diferentes causas: destrución, case sempre involuntaria e fortuíta; deslocalización do seu emprazamento orixinal; construcións improcedentes no seu entorno... Este último é o caso que afecta a varios cruceiros da parroquia de Borraxeiros. E poño esta parroquia de exemplo como podería poñer moitas outras.
Na imaxe de arriba vemos o cruceiro procesional da parroquia, con pousadoiro e sen iconografía. A colocación dunha farola metálica ao seu carón non parece unha idea con "moitas luces". Un e outro réstanse protagonismo.
Este cruceiro, sito en Couso de Baixo creo que tivo que ser removido cando se construíu a estrada asfaltada. Posteriormente construíuse detrás un depósito de auga cun caseto de bloques que afean e minimizan a monumentalidade pétrea da cruz.
Estas dúas últimas imaxes, tomadas o mesmo día e á mesma hora e coa mesma luz explican como os controis da cámara poden operar luces tan opostas. Pero non é este o tema. Na primeira quero reflectir o entorno visual do cruceiro fortemente contaminado pola intrusión en competencia polo espazo aéreo do transformador, os cables e a torreta do tendido eléctrico.
Nestoutra quero ofrecer a mellor imaxe do cruceiro de Sión, que é así como se denomina, situado a carón da estradiña que comunica O Quinteiro con Vilanova.  A imaxe quixen ofrecela con toda a súa luz e cor natural. Un encuadre distinto e un pouco de retoque fotográfico para eliminar a presenza do cableado aéreo e temos o monumento en todo o seu esplendor, o que xa posuía no momento en que foi construído. Esplendor monumental, relixioso, plástico e histórico.
Cun pouquiño máis de sensibilidade por este patrimonio todos sairemos ganando. Os cruceiros tamén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario