25 de decembro de 2017

DÍA DA FESTA DA CRUZ NA FEIRANOVA - BRÁNTEGA - AGOLADA

    Manuel Galego asisitiu na Feiranova de Brántega a principios dos anos 60 do pasado século á festa da Cruz. Alí retratou a procesión relixiosa, varias familias e fotos de grupos diversos. Todas feitas ante a demanda dos diferentes clientes. Mais a imaxe que hoxe ofrecemos aquí está tirada con total espontaneidade, nesa necesidade que todos os fotógrafos senten de querer atrapar o momento para a memoria propia e a da posteridade. Intuíndo que nese espazo e nesa escena hai unha pequena trascendencia.
    Aquí recolle ese momento que media entre os actos relixiosos e o prolongado xantar familiar. O vecindario acode a un dos bares que rodeaban o campo da feira (a feira do 26 naqueles anos estaba a piques de expirar definitivamente). Varios nenos, todos de pé, e dous adultos sedentes (os sedentos eran os que estaban dentro) repousan na sombra evitando o sol do ecuador de setembro. A porta do bar de Fermina ou de Jaime de Fermina ábrese para os moitos clientes que naqueles tempos "abeberaban" nesta cantina. E os canzorros proxectando longas sombras oblicuas e agardando pola promesa dunha solaina apracible.
P.S. Sentado, á beira da porta, D. Ulrico Sarandeses, natural da Feiranova (Brántega). De pé, entre os nenos, mirando ao frente e con gravata, José Luís Castro Taboada, natural de Merlín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario