10 de decembro de 2017

INSTANTÁNEA DOMINICAL

     Nilo do Carril envíame esta fotografía tomada nos Pendellos de Agolada nos primeiros anos 70. Félix Vidal captou a imaxe. A escena sucedía na mañá dun domingo cálido á saída da misa, momento que era o principal evento social da vila en toda a semana. Este grupiño de dez mozos nacidos na vila dos Pendellos deixaron para a posteridade este recordo amable da súa infancia e mocidade. Cada cal coa súa biografía, cadaquén protagonista dunha interesante experiencia vital.
     Fila de arriba, de esquerda a dereita: Pepe Luís do Carril, Carlos da Balbina, Gonzalo do Trabancas, Carlos de Cabanelas, Tucho do Mutilado, Claudio do Aquilino.
     Fila de abaixo: Carlos da Virtudes, Nando do carteiro, Nilo do Carril, José Manuel do Caldeireiro (Manix).
     As enfermidades arrebatáronnos prematuramente a Manix hai 24 anos e a Claudio recentemente. Dos outros oito só un vive de maneira habitual na vila. Ese é o estigma destes pobos pequenos do interior. Todos mantemos o afecto coa vila da infancia, pero organizamos o noso espazo adulto lonxe da matria, nas cidades, de acordo cos diferentes compromisos laborais.  Agora, camiño da xubilación, volvemos á localidade dos xogos infantís e un sentimento de profunda nostalxia percórrenos o espiñazo, nada é como era, ameázanos a soidade das rúas, o silencio dos bares, o sono que dorme tras as contras pechadas de innúmeras casas... E o estoicismo resignado de quen sobrevive sen saber do remedio... para tanto abandono.
     Meus amigos, camaradas da escola, compañeiros na xoldra, agora esta imaxe devólvenos a perspectiva daquel tempo que eu xulgo feliz e comprázome na oportunidade que a vida me brindou de tervos coñecido naquelas circunstancias. Convosco medrei e convosco aprendín o valor da amizade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario