22 de xaneiro de 2018

ABELARDO DE BERREDO, UN IDIOT SAVANT


Abelardo Barrio Mosquera, máis popularmente coñecido como Abelardo de Berredo, parroquia agoladesa na que viviu, foi un personaxe amplamente coñecido e admirado na contorna aqualatense. Acudía a feiras e festas do arredor e coa demostración do seu enxeño para o cálculo conseguía non só o asombro e recoñecemento dos seus interlocutores, senón tamén as dádivas en especie ou en metálico, que eran o seu sustento e provisión.
O público, en xeral, requería a Abelardo para que lles calculase en que día da semana naceran ou o cómputo de días, horas, minutos vividos unha vez que se lle indicaba a data de nacemento de quen cursaba a pregunta.
Abelardo procesaba entre palabras tatexadas e conseguía en segundos ceibar unha ringleira de cifras que contiñan a lóxica dos números. Nalgunha ocasión os seus datos foron motivo de comprobacións varias. A quen lle refutaba algún cálculo, logo el lle respondía coa observación de que había que considerar os anos bisestos para corrixilo.
A súa mestría no cálculo matemático era publicamente eloxiada en contraste coa súa condición de home analfeto que non pisara a escola. Naquel seu tempo o servizo de correos na parroquia consistía en deixar as cartas no bar do Almacén. Os veciños deberían recollelas alí. Pero estaba Abelardo para completar o servizo. Líanlle o destinatario de cada carta e  iso era suficiente para que el ultimase o reparto sen erros de ningún tipo. Non precisaba saber ler. Os veciños agradecíanllo con obsequios alimenticios ou en metálico.
O que non foron capaces de saber os seus coetáneos era denominar o extraordinario don que Abelardo posuía. Hoxe sabemos que o seu foi un caso que a ciencia neurolóxica  coñece como Síndrome do Idiot Savant.
Abelardo posuía unha certa forma de autismo, que se caracterizou por unha desviación ou retraso significativo dos estándares do desenrolo. Estas características soen presentarse xa desde a infancia, acompañadas dun talento extraordinario ou sobresdesenrolado en certas áreas. A área na que destacou Abelardo foi o cálculo matemático de días, horas minutos e segundos, medición de distancias físicas sen instrumentos e determinación de datas do calendario.
Manuel Galego Iglesias, autor da fotografía desta entrada, ademais de fotógrafo e secretario da Cámara Agraria, actuou durante anos como correspondente do Faro de Vigo en Agolada. Acompañamos un seu artigo sobre Abelardo publicado no devandito xornal o 3 de xaneiro de 1964.
P.S. Esta foto foi tomada o mesmo día da voda de Eloy do Zoqueiro. O fondo escollido foi o autobús de Meixide, aparcado no lugar onde se celebrou o banquete nupcial. O autobús foi o transporte para desprazar aos invitados ao casamento. Ese día, "Abelardo afeitouse e púxose guapo", segundo me informaron.


Ningún comentario:

Publicar un comentario