9 de xaneiro de 2018

ENERXÍAS ALTERNATIVAS

Son dos que apoio a investigación e uso das enerxías renovables, como moita outra xente. Pero tamén vou dicir que nunha recente viaxe polos lugares que aparecen aquí fotografados sorprendéronme estes aeroxeradores domésticos e as placas fotovoltaicas colocadas sobre o tellado dunha granxa (arriba) e mesmo no medio dun prado (seguinte imaxe). Todos estes trebellos parecen destinados a proveer de enerxía a respectivas granxas, o cal supoño que lles reportará un aforro económico notable. Iso non me sorprende, cabe na miña lóxica.
A sorpresa causáronma  os terreos de cultivo ou pasteiros ocupados por torretas e plataformas de formigón para apoiar as placas fotovoltaicas. Un pensamento inmediato, sen adentrarse en reflexións profundas, asociou estas enerxías alternativas coa inexorable realidade de aldeas en semiabandono que circunda estas instalacións.
Quizais non quede outra "alternativa": plantar torretas e placas solares e colleitar voltios no canto de nabos ou cereal. Irá por aí a solución ao despoboamento? Ganará o rural atractivo para captar poboación? Daremos asimilado tanto cambio? Chegaremos a competir por ver quen ostenta a torreta máis alta? (Advírtase que nalgunhas aldeas hai labregos que ansían posuír o tractor máis grande e de máis cabalos e non por ser este necesario).
E por último, quedan outras "alternativas"?



Ningún comentario:

Publicar un comentario