5 de xaneiro de 2018

SARANDESES


O apelido Sarandeses pode considerarse como endémico de Agolada. O máis xenuíno e singular. Singularizar foi sempre a función esencial dos apelidos. Nas parroquias agoladesas de Ferreiroa e Brántega abundan os apelidos Sarandeses.
Varios autores, incluído o estudo de G. Hermo, abordan a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- (Sarandeses, Sarandín, Sarandón e Sarandós) e Serant- (Serantellos e Serantes).
Segundo Boullón Agrelo, tería unha "orixe na base celta *sar- 'auga', presente no nome dos ríos Sar e Sarela, ou no topónimo "Sarria"; a terminación -andeses/ -antes aludiría á posible relación con nomes étnicos prerromanos. Significaría, xa que logo, 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa' (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Na fotografía temos dous curmáns, descendentes da fidalguía Sarandeses con solar en Ferreiroa e ancestros en Moas (Brántega). As respectivas biografías ata acadar a xuventude posúen fondas raíces n'Agolada da feira grande. Posteriormente a traxectoria laboral situaríaos na Coruña e en Madrid respectivamente.
Á primeira etapa, na vila dos Pendellos, corresponde a fotografía que Manuel Galego Iglesias lles fixera en 1963.
Ambos os dous son amigos meus da infancia e xuventude. Poucas veces tiven ocasión de facerlles un agasallo. E menos no día de Reis. Vaia como tal esta reliquia gráfica.
Neste mapa cartográfico do apelido Sarandeses en Galicia aprézase o predominio deste apelativo en Agolada. Ademais sabemos que a presenza de Sarandeses noutros concellos galegos son, en bastantes casos,  xente oriúnda de Agolada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario