20 de febreiro de 2018

A VILA DOS PENDELLOS

Hai uns días recibín no móbil estas fotografías. As imaxes son da autoría de Carlos Soengas López e foi Fidel Torreiro Sarandeses quen se encargou de enviarmas. Aos dous testemúñolles o meu profundo agradecemento. As fotografías foron tomadas a mediados dos anos 70. Daquelas Carlos Soengas era aínda un universitario, que ademais das artes plásticas soubo do encanto e valor de diferentes recantos da vila dos Pendellos. (A denominación de Vila dos Pendellos é unha licenza que me permito en atención á preeminencia destas construcións nesta pequena vila e ao feito de que os Pendellos constitúen un fermoso barrio de feira integrado plenamente na estrutura urbana de Agolada).
Desde os inicios deste blog, que anda xa no ano 12, tomei como unha das tarefas a recuperación fotográfica de Agolada, vila e concello. E especialmente dos Pendellos, pola importancia que supoñía de cara ao proceso de restauración e recuperación do vello mercado. Os froitos foron numerosos e alegra moito comprobar como esporadicamente van aparecendo novas imaxes que contribúen a completar o puzle  da memoria entrañable deste singular espazo de feira.
As sete imaxes que nos aporta Carlos Soengas recollen todas fragmentos da vila nos que sempre aparecen os Pendellos, íntegra ou parcialmente. Polo que teñen de documento e polo valor sentimental que nos aporta aos que nos criamos entre a maxia destas pedras, contemplámolas coma un agasallo valioso e único.
 Praza da feira coa fonte, o palco, a casa do Costa, a casa da Parda, a casa da Virtudes, o cruceiro, canellas e pendellos....
Paseo da Parranda. Outra imaxe máis para recordarnos a tarefa irrenunciable de recuperar esta rúa e esta fisionomía. E tamén os pendellos-expositores, tan útiles ademais para as feiras e as mostras de artesanía. E para facer xustiza ao recinto. E para reparar o dano que, inconsciente e/ou neglixentemente, se lle causou ao conxunto histórico-artístico.
Nesta fotografía, tomada desde o campo da feira das vacas, vemos moitas casetas-almacén desaparecidas, a vella casa da Oliva coa súa parra, etc. E no horizonte o castro Marcelín e a Pena Maior. 
A rúa San Pedro, espazo destinado a feira dos porcos, a casa do Eiras, a droguería de arriba e a copa da carballa do Cuco. Para quen se lembre. E o Coteimil e o Monte das Sete Mámoas ao fondo.

Canella dos Zoqueiros con pendellos-expositores en ambas beiras. Hoxe tristemente irrecuperables. Costado da casa do Blanquito, casetas-almacén na rúa Maior, a casa de Vicente e ao fondo a torre da igrexa.
 Pendellos-expositores no interior do recinto, cando xa os tellados vencidos anunciaban a ruína posterior.
Casa do Caldeireiro, casa do Pibe e pendellos da antiga estafeta e da posta de cabalos. Verdadeiros vestixios da historia local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario