8 de maio de 2018

PENDELLOS DA FEIRA DE SOUTELO DE MONTES

Por simple azar dei con estas imaxes de Soutelo de Montes (Forcarei, Pontevedra). Nelas aparece o campo da feira, actualmente reconvertido en praza, que mesmo acolle o monumento ao insigne gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro. Para min teñen un especial interese, pois levo algúns anos na teima de catalogar os vellos recintos das feiras tradicionais onde quedan pendellos, ou aqueles dos que se ten referencia certa da pretérita existencia destas sinxelas construcións.
Soutelo tiña unha feira e Soutelo tivo algúns pendellos-expositores. Nas imaxes pódense ver unha ringleira alongada no fondo da praza e unha casa sita na esquina que dá á estrada, na que se practicou un mostrador entre dúas columnas do soportal. Adosado pola fachada oeste ten outro pendello-expositor.
Esta casa  e a maioría dos pendellos sucumbiron ante o imparable avance reurbanizador dos anos 70 e 80 do pasado século. No fondo da praza parece advertirse, como sinalo na imaxe que segue, as columnas e o tellado do único pendello supervivente.

1 comentario:

  1. En Ferreira de Pantón hai unhas casetas do "pulpo" no parque do Castro.
    Eu non teño fotos e a única que topei está en berenguela.com.
    Descubrina buscando en google imaxes " casetas pulpo Ferreira ". É a primeira imaxe.

    ResponderEliminar