Amosando publicacións coa etiqueta A FEIRA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A FEIRA. Amosar todas as publicacións

19 de abril de 2020

A CABALERIZA DOS PENDELLOS XA LOCE NOVO TELLADO

A cabaleriza dos Pendellos de Agolada xa loce novo tellado, despois de  restituír trabes, doela e dotalo de placa bituminosa para impermeabilizar a madeira e servir de soporte e aliñamento para a tella. Nótese que se reaproveitou a tella preexistente para ser o máis fieis posible á tradición e á antigüidade do recinto. (A imaxe que abre este artigo é actual).
(A cabaleriza en 1980. En primeiro plano o Marco da Constitución)
A cabaleriza é unha dependencia anexa á Casa da Audiencia (esta casa na actualidade é coñecida como casa de Sidorio). É unha sorte e unha verdadeira singularidade que se conservasen estes vestixios (cabaleriza, Casa da Audiencia e Marco da Constitución) nacidos con e para a feira. Non sabemos de ningunha localidade que goce destes referentes feirais.
A feira de Agolada data de 1788 e xa desde os inicios congregou multitudes. Tales multitudes orixinaron conflitos varios que fixeron necesario dotar a feira dun acuartelamento, cárcere e xulgado, a Casa da Audiencia. Naquel momento vivía en Agolada o escribán das xurisdicións de Ventosa e Borraxeiros, D. Manuel Ramón de Barrio y Losada. É de supoñer que el sería un dos impulsores desta institución. 
(Nesta imaxe de 2004 advírtese facilmente o estado de ruína e abandono destes pendellos).
Na Casa da Audiencia actuaba un xuíz, que nos días de feira dirimía conflitos de todo tipo. Eran moi frecuentes os salteadores de camiños, na ida e no retorno da feira; roubos, pelexas, incumprimentos de tratos, etc.). Para o control da feira foi preciso dotar a Casa dunha nutrida gornición de gardas. E para percorrer os camiños fíxose necesario proveelos de cabalerías, de aí a necesidade de construír unha corte grande para albergar os cabalos. A corte, cabaleriza, que se erixiu en Agolada conta con trece pesebres de perpiaño coa súa correspondente argola para atar o animal. O número de pesebres supoñemos que gardaría unha proporción equivalente ao número de gardas  e tal cifra explicaría por si soa a importancia deste acuartelamento rural.
Monolito pétreo, coñecido como Marco da Constitución, diante da cabaleriza e a carón da Casa da Audiencia. Foi erixido como fito inaugural da feira e para indicar o carácter público da Audiencia e da cabaleriza.
A cabaleriza orixinariamente foi unha corte dunha única sala rectangular, con tres portas orientadas ao norte, ao sur e ao oeste. E dous ventanucos na fachada oeste, entre os cales estaba o portón principal da cabaleriza. A porta da fachada norte (actualmente tapiada) parece que comunicase con outra dependencia anexa, que podería servir como almacén de forraxe ou como corte para as crías. A porta da fachada sur era a que comunicaba a cabaleriza co acuartelamento. Na parede leste, completamente cega, alóxanse os trece pesebres.
A Casa da Audiencia despareceu na primeira metade do século XIX. A razón desta desaparición cremos que pode estar na creación do cantón realista de Eidián nos inicios da Primeira Guerra Carlista e que o control da feira e dos camiños quedase a cargo deste novo acuartelamento. Non nos parece moi lóxico que os dous acuartelamentos coexistisen situados a tan só 8 Kms. de distancia. Ademais sabemos que na segunda metade do S. XIX a casa onde estivo a Audiencia xa aparece como casa de labregos. Unha vez convertida en casa labrega foi pasando coas xeracións a distintas mans e coas partillas tamén se dividiu a cabaleriza en tres cortellos e mesmo se lle engadiron pendellos nas fachadas oeste, norte e leste.
Agora coas obras de restauración sería desexable recuperar o espazo diáfano da cabaleriza, nunha única sala, cos trece pesebres á vista. Para iso habería que derrubar as divisións internas sinaladas na imaxe antecedente en azul. Mais o proxecto, de momento deixa unha división que oculta os tres pesebres da fachada sur.
Recreación da cabaleriza orixinal, con tellado a dúas augas.
Recreación da cabaleriza orixinal


8 de decembro de 2017

NA FEIRA DE AGOLADA

É unha auténtica mágoa non posuír máis imaxes do desenrolo da feira de Agolada, mais aínda albergo a esperanza de atopar algunha de interese nalgún arquivo privado ou mesmo dalgún fotógrafo profesional. A tarefa de investigación gráfica que iniciei hai máis dunha década deu proveitosos froitos e espero que no futuro nos traia algún máis pois teño a certeza de que aínda quedan recantos por explorar.
Manuel Galego Iglesias no seu arquivo ten poucas imaxes da feira. Aquí traemos unha. Mirándoa veume á mente ese curioso estereotipo que nos atribúen aos galegos, pois seica non se sabe se subimos ou baixamos cando estamos no medio dunha escaleira. Pois velaquí o por que deste pensamento: a imaxe está capturada no inicio ou na recollida da feira?
Praza da Feira de Agolada, 1963

4 de febreiro de 2014

O CASTELO (CADRÓN - LALÍN) E UNHA HISTORIA VENCELLADA Á FEIRA DE AGOLADA

Como expresión de agradecemento por ter versificado esta historia relacionada cos atracos que se cometían nas idas e voltas das feiras, dedico esta entrada a José Iglesias Fernández, a quen veño seguindo no seu blog desde hai tempo e gozando coas súas historias e romances. E como principal agasallo ofrézolle estas imaxes que de seguro coñece xa, da autoría de Ton van Vliet que andara a tomar estas vistas da aldea natal de Xosé, O Castelo, alá por 1978. E tamén a miña teoría sobre o topónimo CASTELO.

UN DÍA DE FEIRA NA AGOLADA  (1982)

Saín pensando en ir á feira,
un día pola mañá cedo,
montado no meu cabalo,
dende a casa no Castelo.

Para pasar o día nela,
ía eu todo ben posto,
co meu traxeciño fino,
e zapatos de alto costo.

E levaba nunha cesta,
un lacón case que enteiro,
unha bola de pan trigo,
e un bo anaco de queixo.

Mais dúas botellas de  viño,
de bo viño do Ribeiro,
nunha petaca café,
e augardente do Garello*.

No bolsillo levaba cartos,
para mercar unha xugada,
pois era a feira do doce,
nos pendellos da Agolada.

Puxen o cabalo en camiño,
e para facer unha atallada,
fun por medio duns centeos
e crucei unha leira arada.

Ao chegar ao rio Arnego,
e antes de atravesalo,
dei un alto no camiño,
e baixeime do cabalo.

Sacudín ben o meu traxe,
pois o chan era poeirento,
e entón pediume o corpo,
botar un grolo… ¡¡e boteino!!

Nada mais cruzar a Ponte,
e atoparme no outro lado,
vin a dous tipos sentados,
sobre a lousa dun valado.

Moi bos días, cabaleiro,
seica vai moi apurado,
abra esa cesta que leva,
e ensínema decontado.

Obedecín sen protestar,
ó enseñarme unha escopeta,
e meteu na súa saca,
o que eu levaba na cesta.

¡¡A ver os reás que leva!!
dixo o que era mais chaval,
meteume a man no bolsillo,
e atopou o diñeiral.

¡¡Carallo pro cabaleiro!!
-Dixo o máis espabilado-
¡Con tanto carto que leva,
deixarémoslle o  cabalo!

E fuxiron despois os tipos,
camiño de Vilariño,
papando o lacón e o queixo,
e bebendo do meu viño.

Volvín montar no cabalo
e dei volta pró Castelo.
pensando en como contalo,
para que non me caera o pelo.

Cando cheguei onda a muller,
que é moi boa costureira,
nada mais abrirme a porta,
preguntoume pola feira.

Á  feira non dei chegado,
pois roubáronme no camiño,
o lacón, o pan e o queixo,
mailas botellas do viño.

Pois dáme os cartos, meu home,
para agochalos no chineiro.
Hai que telos ben gardados,
porque son moito diñeiro.

Os cartiños queridiña,
tamén mos levaron todos,
pois eran vinte os ladróns,
e atracados era eu solo.

Miña muller deu tal berrido,
tan pronto escoitou aquilo,
que dei que se escoitou,
dende ó Carrio ata o Farelo.

E  mirándome pra cara,
como quen mira pra un sapo,
desta maneira falou,
a este pobre condenado.

¡Funme casar cun burro,
esa foi a miña sorte!
¡¡A partir do día de hoxe,
Irás co cabalo pra corte!!

Dende entón aquí me tedes,
durmindo no galiñeiro.
As galiñas pola eira,
e eu, subido no poleiro.

Agora falan na aldea,
que non houbo tal atraco,
seica me quedei cos cartos,
pra poder comprar tabaco.

E eu os cartos non os choro,
nin me quitan o sentido,
choro o lacón e o queixo,
mailas botellas de viño.


 O Garello*- Arrieiro das Cruces que vendía augardente polas portas.O Cantar relata un feito acontecido na Ponte Vilariño, unha ponte que está a tiro de pedra entre a Agolada e o Castelo. Sucedeu un día de feira na Agolada de xa hai moitos anos. O asaltado era un veciño da miña Parroquia, e anque digo que era da aldea do Castelo, tampouco ten poque ser así, e por suposto que non vou dicir o seu nome.
     Os asaltantes, detivéronos os civís unhas semanas despois, e seica eran dunha parroquia das Cruces, da que tampouco dou o nome.
     As malas linguas da aldea, dicían que coñecendo ao personaxe, non houbera tal atraco, que todo era un invento seu pra quedarse cos cartos, pois a súa muller seica non lle daba nin para unha chiquita).

O Castelo é unha aldea moi próxima a Agolada, no veciño concello de Lalín. O Arnego marca no medio unha barreira líquida que antano se salvaba por unha ponte medieval da que aínda quedan vestixios merecentes de atención. A relación entre Agolada e o Castelo sempre foi intensa e amable. Ao Castelo iamos buscar os doces para a festa e cos do Castelo compartiamos a tosta de Vilariño para os baños estivais e as tabernas do Souto e do Ríos para repoñer "combustible".
Agolada e o Castelo estiveron unidos desde os albores da historia por un camiño antigo, que logo se dixo medieval. Elisa Ferreira Priegue, estudosa dos camiños, mesmo indica que por aquí transcorrería unha calzada romana de segundo rango. Este camiño viña de Esporiz (Monterroso) polo Marco, pasaba Agolada e descendía ao Arnego ata a Ponte Vilariño. Desde aquí trazaba un pronunciado cóbado para ascender a Cadrón. Seguía ao Castelo e desde o Castelo buscaba a Ponte das Abellas para continuar por Cancelas, Palmou e chegar ao Vento. Collía dirección a Santiso, Bendoiro, Prado, A Borralla e a Ponte medieval de Taboada.
O topónimo Castelo é moi transparente. Alude a unha fortificación ou a un tor granítico. No fondo da aldea (sinalado na imaxe que antecede) hai un promontorio rochoso que con toda certeza lle deu nome á aldea. Eu aventuro (e perdóenme o atrevemento) que probablemente se trate dun castelo medieval do que descoñezo referencias históricas, pero a conformación do outeiro e a aquitectura dalgunhas casas aledañas parecen indicarnos tal posibilidade. Eu intúo que parte dos perpiaños utilizados nunha casa fidalga, en proceso de restauración actualmente, foron reutilizados dunha construción máis antiga, que moi ben podería ser o orixinario Castelo que lle deu nome á aldea. Portadas molduradas en bisel, lintel apoiado en mochetas,  cornixas en gola baixo o tellado, perpiaños rubricados cos sinais identificativos dos canteiros son propios da Idade Media e moi probablemente pertencentes a un edificio singular e de boas proporcións. Na microtoponimia da aldea designan as leiras e os prados que hai na parte baixa deste outeiro como o Sucastelo, topónimo que indicaría a situación respecto do Castelo situado en lugar máis elevado. Déixoo así para investigadores máis avezados que queiran afondar nesta hipótese.














29 de decembro de 2013

A VELLA PRAZA DE AGOLADA

A imaxe pode corresponder aos últimos anos da década dos 60 ou aos primeiros da década dos 70. Un vendaval de "urbanismo" alterou definitivamente o aspecto desta vella praza da feira. Ese é o nome que a min me gustaría darlle a este lugar. Non se chama así. Antano unha placa de mármore rezaba: "Plaza del Generalísimo". A placa desapareceu e hoxe, sen que se saiba quen lle modificou o nome, desígnase xeralmente como Praza do Concello. A principios dos anos 80 estreábase, no lugar que aparece á esquerda nesta imaxe, a nova casa do Concello. Para construíla e para ampliar a praza foi preciso derrubar os pendellos que aquí podemos observar. Unha decisión que desde o punto de vista actual creo que merecería unha reflexión. Isto sucedía antes de que en 1985 se declarase Conxunto Histórico-Artístico.
Esta é a praza da feira. Moitos lembramos nesta subida cara a rúa San Pedro os polbeiros situados en ringleiras, aliñados a ambas beiras do camiño, as panadeiras cos seu moletes de pantrigo e a feira do grao e do millo corvo. Na esquina inferior esquerda as lousas que tapaban o pozo que deu de beber á feira durante decenios, empregado finalmente para verter a auga de cocer das caldeiras dos polbeiros.
Un coche ocupa na foto o estreito paso da rúa San Pedro onde lembramos aos impedidos e eivados pedindo esmola apelando á alma dos defuntiños dos viandantes que se dirixían á feira dos porcos. Toda unha historia, da que botamos de menos aquel xentío que acugulaba este espazo.
O motivo da imaxe non foi a arquitectura, senón os mozos que subían a saber a onde. Posibles destinos: á misa ou ao bar do Pepe Tolo ou... Entre todos eles só son capaz de recoñecer a Alfonso Vidal.
En resumo, un lugar e un tempo idos.

6 de decembro de 2011

O MARCO DA CONSTITUCIÓN

O marco da Constitución cobra especial vixencia no día de hoxe, 6 de decembro. Trinta e tres anos de democracia baixo as directrices da Carta Magna son un dignísimo motivo para estarmos de celebración. Democracia, prosperidade e paz. Máis todos os defectos que se lle queiran engadir, incluída a crise actual. Pero nunha rápida análise da historia é difícil encontrar un terzo de século de tanto progreso e convivencia social. E que continúe, por favor.
Trasladados á pequena vila de Agolada, o Marco da Constitución alude fundamentalmente a un fito pétreo que se ergue discretamente mimetizato cos Pendellos. Encóntrase a carón da que fora casa-cuartel-xulgado-cárcere e diante dunhas antigas cabalerizas pertencentes ao devandito acuartelamento. O marco e a rúa na que se atopa denomínanse da Constitución.
Dúas teorías chegaron ata nós sobre a orixe deste antigo monolito e o porqué da súa denominación. A primeira da que soubemos referíase á fundación ou "constitución" da feira (1788). A segunda explica que o marco con forma de frecha apuntando ao ceo é unha homenaxe á Constitución de 1812 ( a Pepa) e que se erixiu para simbolizar o carácter público dos edificios pertencentes á Casa da Audiencia (este é un nome que me permito usar atendendo a outros edificios semellantes existentes noutras vilas de feira).
Ambas teorías baséanse en testemuños orais, carecen de documentación escrita que as refrenden. Decantarse por una unha ou por outra é cuestión de análise racional e non de meras paixóns subxectivas.Eu inclínome pola primeira. Estas son as miñas razóns: Desde hai moitos anos a información que tivemos sempre falaba do marco como un referente da constitución da feira, era algo compartido pola maioría do vencidario. Recentemente apareceu a segunda versión aportada por un único informante. E non por cuestión de número de testemuñas orais apúntome a pensar que se trata dun elemento da fundación da feira. Porque aparece no cerne das construcións feirais: pendellos, Casa da Audiencia, estafeta, recinto do gando e cruzamento dos camiños. Ademais resúltame insólito que nunha aldea galega de 1820 (este é o ano que o informante cita como o da súa colocación) de só 9 veciños e 45 almas (así era segundo Pascual Madoz en 1834), que nin sequera era cabeceira de parroquia, nin titular de ninguha xurisdición, tivese protagonizado algo tan inusual como homenaxear á Constitución de 1812. Por que si en Agolada e non noutros sitios?
Sen embargo, pensar que o marco se chantou para manifestar a fundación (ou constitución) dun novo espazo de feira que se tornaría no mellor campo de pendellos de feira de Galicia, é máis dixerible e entra dentro da lóxica máis doada sen ter que recorrer a subterfuxios políticos ou sociais inxustificados, innecesarios e sesgados.
Creo con absoluta convicción que a Casa da Audiencia se creou para a feira e canda a fundación da feira e que Marco e Casa naceron case simultaneamente á par dos primeiros pendellos e á Capela das Virtudes. E non me parece arriscado aventurar que a man do escribano D. Ramón Barrio de Losada estivo moi próxima a estas obras. El rexentaba a escribanía das xurisdicións de Ventosa e Borraxeiros, que xa herdara de seu pai, tiña a casa colindante coa Casa da Audiencia e sabemos que tivo a encomenda de ordenar e arranxar a feira a cal mandou trasladar desde os Chaos de Aián ata Agolada, a carón da súa casa, nunha das máis concorridas encrucilladas de camiños reais que había na contorna. El mesmo iniciou a construción do recinto do gando e os pendellos. Tamén mandou plantar 64 carballos na campa da feira. Estaba "constituída" a feira e nós hoxe celebramos outra Constitución.

11 de xaneiro de 2011

O AUGADOR DA FEIRA

Foto dun augador obtida en 1926 por Ruth Matilda Anderson
Posto fixo de augador na feira e festa do San Vitoiro (Allariz)Entre os variopintos personaxes que poboaron antano as numerosas feiras da nosa terra, figuraban os augadores. Habíaos de dous tipos: fixos e ambulantes. Os primeiros tiñan a garrafa da auga de tamaño grande e montada sobre unha mesa. Os segundos usaban unha garrafa máis pequena: levábana ao lombo e andaban polo medio da xente ofrecendo a súa mercadoría: "Auga de limón fría e doce...! Un vaso de auga en pleno verán acadou prezos de ata un real.
A garrafa consistía nunha vasilla cilíndrica ou cilindrocónica, recuberta por fóra con cortizas de sobreira, con billote na base se era para estar fixa enriba dunha mesa, e con cano na parte estreita se era para levar ás costas. Esta última ía provista dunha correa de coiro para dependurar do ombreiro. Para aumentar a eficacia da cortiza que a recubría, poñíaselle por riba ramas de árbore ou fentos.
O augador levaba na man unha cesta de lata con asa, chea de auga, e nela portaba os vasos para beber.
A auga preparábana con azucre e zume de limón, ou no seu canto con esencias mercadas na botica, que resultaban máis baratas.
O augador fixo contaba tamén cun barreño de auga ao seu carón para conter os vasos.
Os augadores ambulantes adoitaban ser sempre homes, mais os postos fixos estaban a miúdo atendidos por mulleres.
Imaxes extraídas da "Historia de Galicia" de D. Ramón Otero Pedrayo. Texto reelaborado sobre un fragmento do mesmo libro.
Trebellos dun augador:En Agolada hai varios pozos no entorno do campo da feira nas casas do Castor, do Caldeireiro, do Ramón do Comercio (Blanquito), na da Periqueira, na casa de Antonio... Nos principios do século XX construíuse un novo pozo na praza da feira para surtir aos augadores e aos polbeiros. Cómpre sinalar que a fonte que hoxe campea no centro da praza inaugurouse en 1946. A partir dese momento o pozo da praza deixou de empregarse para extraer auga e os polbeiros utilizárono para verter a auga de cocer das caldeiras. Os restos de polbo e a auga de cocer remataron por emitir un cheiro desagradable, e iso conduciu ao concello a inutilizalo.
Son moitos os veciños que aínda lembran a presenza dos augadores na feira do 12 de Agolada.

25 de xaneiro de 2010

DELICATESEN DE "CORTELLO" QUE PEDÍAN OS ASTURIANOS

«Hai vinte anos viñan os asturianos e levaban bos becerros de Agolada a 200.000 pesetas». Jesús, un produtor da zona, toca unha das variables do problema, a caída de prezos. Trátase de tenreiros de 200 quilos de menos de dez meses. Na práctica, "delicatesen" case de cortello. É produto que atopa compradores basicamente nos carniceiros, o que mellora cotización respecto ao mercado de produto de cebadeiro. Decaeu a presenza de animais, tamén os máis selectos, e xa non veñen os compradores asturianos, todo se vende para Galicia. Os prezos, a día de hoxe, dificilmente superan os mil euros, «ten que ser moito becerro...». Florentino, un gandeiro habitual do mercado aqualatense, citou o seu caso e estaba satisfeito: «Trouxen dous, e vendín os dous». Tamén dá as claves do bo prezo: «Vendeuse ben, había poucos animais». Co abandono da crianza tradicional, cando cada casa vendía un tenreiro ou dous ao ano, desaparece a distinción de mercado de calidade e de mercado tradicional. Cos novos produtos créanse novos circuítos feirais e centros de comercialización contados, e todo levou á desaparición dos mercados con Agolada como última resistencia. Pero non se van só os becerros das feiras galegas. Agolada mostra tamén causas ou consecuencias, que desde calquera lado pode verse. Hai 25 anos tiña 4.542 habitantes, 30 por quilómetro cadrado. Actualmente apenas supera os 3.000, 20 persoas por quilómetro. Sobran as análises. Tamén sobran razoamentos mirando á cabana. No ano 1986, o municipio rexistraba 9.243 bovinos e agora está ao redor dos 6.000. Non parece un problema feiral. Nin municipal. Apunta á necesidade de accións de tipo estrutural, de país. Ás seis da madrugada do día 12 un puñado de gandeiros e tratantes, servizos de Sanidade Animal e municipais, desinfección, pulperías e hostalería... activaban, baixo a chuvia, unha feira que se pechou antes do mediodía. Aínda entran máis de cen becerros de media mensual nesta feira. Xa poucas máis poden contalo. Agora todas evolucionan cara ao mercadiño, a reunión gastronómica e o polbo. Pero a historia do polbo á feira xa se conta cada vez máis en restaurantes urbanos, perde o seu referente. O ocaso das feiras e dos fluxos humanos e económicos que xeran arrastra aos núcleos de poboación a perder os seus principais sustentos. A tormenta de chuvia que minimizou a feira do 12 non foi suficiente para disimular o ocaso das feiras. Foi un testemuño real de como esvaece o último gran referente do mercado tradicional das mil feiras gandeiras que aínda resisten ficticias nos almanaques agrícolas.
Texto: Pablo Viz
Foto: Marcos Míguez
Recollido e traducido de A Voz de Galicia, 24/01/2010

24 de xaneiro de 2010

AGOLADA, A RESISTENCIA FEIRAL IMPOSIBLE

A AGONÍA DOS MERCADOS GANDEIROS TRADICIONAIS
Aínda o gandeiro e o tratante acenden puros, persiste o regateo e mantéñense estampas que pronto poderán verse só en representación etnográfica.
O día 12 deixou unha madrugada desapracible en Agolada. Temporal de chuvia e vento ata ben entrada a mañá. Así non hai feira que resista. Só entraron 65 cuxos rubios, cebados, nese recinto gandeiro que no lugar recordan con máis de mil cabezas hai xa varias décadas. Pero poucos viven xa enganados polo temporal dun día. Agolada, enganchada no mapa desde o norte provincial pontevedrés a municipios da Coruña e Lugo, en terra brava de becerros do país, está librando unha batalla de resistencia imposible. É o último gran referente na agonía imparable dos mercados tradicionais. A Feira do 12 dilúese mes a mes e leva con ela moita historia da Galicia rural e traduce a realidade os titulares sobre despoboamento e abandono do territorio. A concentración de mercados deixa só tres centros de comercialización: Amio en Santiago, a Central Agropecuaria en Silleda e Castro de Ribeiras de Lea en Lugo. O país das mil feiras de gando reduciuse a tres importantes, unha que se resiste a desaparecer e varias decenas máis testemuñais. A media mensual de tenreiros cebados de Agolada foi o pasado ano de 123 animais. Os números non enganan. No 2005, a media fora de máis do dobre, 278 becerros cebados. É o fin das xeracións de poboación que lían o ZZ, o Zaragozano e O mentireiro verdadeiro, almanaques agrícolas de lenda que pasaron de ser de utilidade aos agricultores -sen previsión meteorolóxica que tivese maior crédito- a referente vivo do refraneiro, como contrapunto ás previsións do Meteosat e para recordar as mil feiras que xa non existen máis aló do polbo, do téxtil, do calzado e de produtos de época. Como unha alegoría da fin das xeracións dos calendarios agrícolas acaba de mostrarse o falecemento de José Regadío, de Pas de Rei. Regadío era o cura que durante medio século editou O mentireiro verdadeiro. Dos centos de feiras que aínda se recollen en catálogos nunca revisados fuxiu o gando cara a outros circuítos de comercialización porque se produce carne con modelos distintos e xa non hai xeracións que aposten por cebar un becerro na casa. Quen o mantiña xa non ten idade. Quen o podería facer xa sabe que non é rendible en prezo nin en calidade de vida. E todo isto é liquidar a feira de Agolada, a mellor en becerros cebados, con lenda e mercado en toda Galicia, con carne de primeira e con moitas máis verdades que aínda se conservan na páxina web municipal pero xa son case lenda, porque están en vías de extinción sen que ninguén poida pór remedio. Agolada conta nas súas propias carnes a historia dos mercados gandeiros galegos, das feiras. Explica perfectamente de onde vimos e onde imos neste escenario socioeconómico. Foi no século XVIII cando se creou o mercado tradicional, Os Pendellos, que nos anos oitenta foi decretado como conxunto histórico artístico e que agora se está restaurando. Mentres o recinto actual perde uso e a asistencia dilúese, búscase saída socioeconómica local sustitutoria agarrándose a novos usos dos Pendellos. É un xeito de tratar de renacer, que non hai moitas posibles neste ámbito. Agolada naceu e fíxose forte coa vella feira. Agora non quere que a desaparición do mercado sexa a súa agonía e vólvese a agarrar ás vellas pedras dos pendellos que lle deron brillo. Mentres, aínda cada día 12 hai máis de cen dos mellores becerros cebados de Galicia en Agolada, aínda o gandeiro acende un puriño, satisfeito por unha venda, o tratante despacha a súa faria baixo unha boina que evita levar paraugas e o regateo mantén as estampas que pronto só poderán verse en ambientacións etnográficas, como ocorre coa malla ou a matanza do porco.
Texto: Pablo Viz
Fotos: Marcos Míguez.
Traducido e recollido de A Voz de Galicia, 21/01/2010
ANOTACIÓN PERSOAL: O día que este xornal que se autodenomina a Voz de Galicia publique cando menos o 50% en galego, ese día teremos acadado a pretendida normalidade lingüística.

15 de novembro de 2009

A CARBALLA DO CUCO

Hai árbores con nome propio. Por diferentes motivos. Dos sesenta e catro carballos que mandara plantar o escribano D. Ramón de Barrio y Losada no campo da feira de Agolada, este que aparece rotulado nas imaxes distinguíase do resto por ter nome de seu. Foi tronzado a finais dos anos 70 do pasado século para dar paso a unha rúa de asfalto. O poeta Xosé Vázquez Pintor lémbrao así no seu poemario "Banzados":
Gastaba uns farrapos de esmolante e a cadora
viña o vento a turbar aquel vestido sen luces.
Era a resitencia de nosoutros fronte á forza
permanente do ballón que tanto a visitaba
no corredor do outono e nos invernos máis duros.

Contra ela colocaran o corpo do raposo
que avancaba o mar da gándara na noite azul.
Onte morreu co paso irremediable do xuíz
que viña heroico a derrubar as moitas árbores
do milenio: chamábanlle a carballa do cuco.

Levárona os malditos na carroceta grande,
trastorada de morte e de canto,coma o albor.

16 de outubro de 2009

TELDERETE HEREDITARIO

Nunca estivo no horizonte das miñas intencións exercer de cronista oficial nin oficioso de Agolada. Non é tarefa doada. Véñoo comprobando ultimamente: os feitos e os eventos sucédense con vertixe inusitada para un territorio tan exiguo cunha poboación que se ve minguar no decurso dos días.
Quizais dun xeito inconsciente, este blog nacese para tratar de elevar a autoestima dos aqualatenses que me len, dicirlles das potencialidades sociais, culturais e conómicas que eu observo, dar o coñecer o patrimonio cultural que albergamos, espertar o orgullo de pertencer a esta penechaira que se estende aos pés do Farelo e se bascula nas cuncas do Ulla e mais o Arnego.
Dentro desas potencialidades ás que aludo, dúas sobresaen por riba das demais: Os Pendellos e a Feira do 12. Rendibilizar o mellor espazo de feira rural e popular de toda Galicia é unha tarefa que se debe abranguer desde perspectivas sociais, culturais e económicas. Rescatar e reorientar a feira ás circunstancias actuais do agro e da poboación é un traballo urxente. Ambas empresas requiren ideas, ambición, estudos, conversas con diferentes sectores, bastante ilusión e maior dedicación e esforzo. Aledoume ler na prensa que o Concello pretende establecer un mercadiño dominical. Non será fácil, pero merece a pena intentalo. É imprescindible ofrecer algo que os demais non teñan, mercaderes, hostalería e cultura no interior dos Pendellos.
Para ilustrar esta entrada escollín dúas fotos da feira. Na de arriba (do ano 2005), a señora que viste de negro foi a última vendedora que tivo o seu posto de venda durante moitos anos nun pendello. Desde 1977 ata o ano pasado vendeu na Praza do Concello. Seica morreu hai algo máis dun ano e unha neta (foto inferior) segue coa tradición familiar de acudir á feira de Agolada. Subida na escaleira, retrateina o 12 de agosto do presente ano cando de mañá cedo montaba o seu posto na espera dunha romaría interminable de clientes. Gustaríame augurarlle longos anos de feira en Agolada, outros tantos como a súa avoa e que coñeza o rexurdimento dos Pendellos.

9 de xullo de 2008

PASEO DA PARRANDA NUN DÍA DE FEIRA

Hai poucos días, Eva Buján Sarandeses facilitoume bastantes fotos do álbum familiar. Alí estaban estas tres fotos de indubidable valor etnográfico e social. Son dignas de figurar no futuro Museo das Feiras, que se constituirá no edificio que está á esquerda na foto superior, cando estean executadas as agardadas obras de restauración.
Posuímos bastantes fotos do Paseo da Parranda, de cando se mantiña íntegro, pero só unha na que se vexa a feira entre os Pendellos. Velaí pois o valor destas tres que veñen a incrementar o patrimonio gráfico co que pretendemos a recuperación da memoria da feira.
Foron feitas en 1970. E nelas podemos ver a varios mozos de Agolada, que paseban festivos por entre os feirantes. Nilo e Pepe Luís do Carril, Toño do Buxán, Benitín, Eugenio do Claudino e Manoliño do Carromao, prematuramente desaparecido pouco tempo despois desta foto.

3 de outubro de 2007

FEIRANTES NA PRAZA

Esta é outra das escenas que chamaron a atención de Xisbe naquela única ocasión que viñera retratar a feira de Agolada. El, moi xentilmente, cedeume boa parte das fotos daquel día para darlles no futuro un uso museístico no agardado Centro Expositivo das Feiras. Namentres esta obra agarda durmida nos caixóns dos políticos, crin conveniente ofrecérvolas nesta páxina para reconstruírmos ese pasado feiral do que espero que sirva para sentirmos o orgullo suficiente para con el recuperar este espazo das feiras, de sempre tan importante e engaiolante.
A imaxe (de 1976) ofrece unha instantánea na praza, que centra a atención na vendedora de xornais? e arredor algúns viandantes no seu ir e vir polo medio dos tenderetes do mercado.

1 de setembro de 2007

MOZAS DE ÓRREA NA FEIRA

Cando Inmaculada Galego me ensinou esta foto, rescatei un fotograma desa película que levamos gravada no subconsciente e que cómpre visionar de tarde en tarde para non esquecer a tenrura da infancia.
É a imaxe máis antiga que conseguín da feira na praza. É do 12 de agosto de 1963. O motivo da foto eran as dúas mozas que aparecen no centro, Mariluz e Elena Iglesias, de Órrea. O autor da foto é seu primo Manuel Galego Iglesias. De fondo, toda a actividade feiral cos postos de venda, os tenderetes, os pulpeiros, que se adiviñan máis ca se ven.
O pasado 12 de agosto, nunha proxección pública desta foto, apareceu detrás de min Elena Iglesias para dicirme que a que saía na foto eran ela máis a súa irmá. Foi un motivo feliz para ela, que na actualidade vive en Pontevedra, e unha anécdota que suscitou os parabéns dos presentes.

21 de xullo de 2007

MOZOS, CACHARROS, FEIRA E PENDELLOS

Esta é outra das varias fotos escaneadas que me envía o amigo Fidel Torreiro, feito que lle agradezo moito. É unha imaxe de 1973 na que eu tamén figuro e que non posuía. Poucos anos máis virían á feira os cacharreiros coas súas cuncas, olas, xerras, cazolas, porróns, etc. Soían establecerse na praza e preto da feira das vacas, a carón dos Pendellos. Nesta feira de inverno un grupo de amigos xogamos a retratarnos como protagonistas dun insólito bodegón. Mais velaí que a foto queda agora como testemuña da presenza dos cacharreiros na feira de Agolada, entre os Pendellos, coa súa mercadoría exposta e pousada no chan.

6 de xullo de 2007

O PASEO DA FEIRA

Son numerosas as fotos que levo recolectado, feitas durante o paseo na feira, ningunha no Paseo da Parranda, sempre feitas na estrada principal. Á feira sempre acudían fotógrafos de fóra a facer a súa feira particular, Bernabé de Lalín, Manolito e Adolfo de Melide, entre outros. Por iso a ocasión era boa para retratarse.
Na imaxe que vos ofrezo con esta entrada están catro mozas veciñas de Agolada: Mercedes do Felipe, Lupe do Víctor, Guillermina do Sidorio e Raquel do Prudencio. Descoñezo quen foi o autor da foto.
Observamos na imaxe que o día era gris, mollado e frío. A feira estaba no seu crepúsculo, os autobuses a piques de facer a viaxe de volta e a estrada concorrida, como era habitual.

26 de xuño de 2007

MOZOS E PULPEIRA

Os pulpeiros sempre ocuparon un lugar de privilexio no cosmos feiral. O cerimonial empezaba coa montaxe do tenderete e da caldeira de cobre, o carrexo da auga desde a fonte, o lume de achas, o petado do cefalópodo, o arrecendo gorentoso que invita tentadoramente, a tallada recén cortada, sen sal nin aceite: o reclamo. ¡Que festa, o pulpo!
Os mozos daquela feira buscaron a pulpeira como mellor decorado para a foto: Eugenio do Claudino, Manoliño de Carromao, Pepe Luís do Carril, Toño do Buxán, Benitín do Benito e Nilo do Carril. Outra estampa clásica no mercado do 12 en Agolada.

19 de xuño de 2007

CADA FOTO TEN A SÚA HISTORIA

Teño unha débeda pendente con Celso Fernández Sanmartín. El suxeriume unha idea na que eu tamén estou interesado, pero un sente que non dá atendido a todo. Teremos que empezar pronto. Trátase de recoller as historias da feira que aínda queden na memoria da xente. Se algún dos lectores coñece algunha, vaia o noso agradecemento se nolas fai chegar.
A foto que acompaña esta entrada ten unha pequena e sinxela historia. Os dous mozotes do fondo (Tuchiño de Antucho e Félix de Prudencio), nunha inocente e respectuosa broma, quixeron retratarse facendo a graza de colocarse tras as señoras sen espertalas do seu sono. Era día de feira en Agolada, as señoras, dúas poleiras (as que mercan galiñas), durmían unha boa sesta no prado do Fraga despois de facer as súas feiras e na espera de que o autobús que as levase de volta saíse cara o seu destino. Sobra dicir que estas sestas só eran posibles nas feiras dos meses de verán.

17 de xuño de 2007

A FEIRA DAS VACAS EN 1978

Nesta foto do álbum de Lupe Vilariño temos outra boa imaxe que testemuña a importancia que tivo a feira de Agolada no pasado recente e que aínda se mantén con certa dignidade. Ten cambiado moito, empezando polo recinto e o xeito de suxeitar o gando.
A feira das vacas posuía dúas zonas contiguas para a súa celebración, só separadas por unha rea de pendellos e comunicada por unha canella que quedaba entre dous casetos. A que se ve na foto é a segunda zona. Esta só se ocupaba cando a primeira estaba acugulada. A foto confirma que ese 12 a feira fora extraordinaria. Tamén a segunda zona está case toda ocupada.
Entre as caras recoñecibles aparece en primeiro termo, con chaqueta negra, o Sidorio de Ventosa, cantineiro, saxofonista e o mellor cantador que deu a banda de Ventosa.

5 de xuño de 2007

¿E SERÁ MARROA?

Outra vez vos ofrezo unha foto da autoría de Xisbe, de cando andou pola feira de Agolada alá no 1976 ou 1977 sacando fotos para A Nosa Terra.
Na foto vese a feira das vacas que era unha campa laxeira algo encostada que había ao sur dos Pendellos. Esta campa tamén servía de eira para facer as mallas dalgúns veciños de Agolada.

4 de xuño de 2007

COMENDO O PULPO NA FEIRA DE AGOLADA

A casa-pendello do Pardo aínda funciona como funcionaban antano os pendellos-comedor. A xente merca o pulpo no pulpeiro e leva o prato ata este comedor que está nunha casa de dous andares, lixeiramente remozada. Aquí véndenlles o pan, o viño e o café. A cerimonia do pulpo non precisa de moitos requisitos, a esencia vai no preciado cefalópodo. Esta casa só abre os días de feira, o resto do mes permanece pechada, talmente como os pendellos-comedor de hai trinta anos. Así eran e así seguen a ser as feiras. Bo proveito.
A foto é do 12 de xullo do ano pasado.