24 de xuño de 2007

CABACEIRO

Case podo asegurar que é o último cabaceiro que queda no concello de Agolada. Eu non coñezo máis. Teño dado con tres lousas que teñen os furados das varas e que pertenceron a cabaceiros. Pero cabaceiros enteiros e ben conservados só este, que está en Ventosa, no lugar de Laxe, case nos Toxás. Sei que noutras zonas de Galicia lle chaman cabaceiro ao que nós denominamos hórreo. Aquí diferenciámolos.
Están construídos sobre unha lousa granítica apoiada en piares pétreos. O corpo técese coma un cesto grande, tonco-cónico, con varas de mimosa e téllase con colmo de palla centea. Unha xoia etnográfica.
A pedra illada está na aldea de Buxán en Ventosa. Por se alguén descoñecese o seu uso, cómpre indicar que se empregaban para secar e almacenar o millo.

2 comentarios:

  1. Fermoso exemplar de cabaceiro.
    No Porriño chámanse calustras ós hórreos rectangulares de madeira e canastros os hórreos de pedra ou ladrillo.
    Déixoche unha ligazón a unhas fotos que fixen eu.
    http://leoeosseus.blogspot.com/2006/11/no-anterior-posteo-puxen-unha-foto-dun.html

    ResponderEliminar
  2. O cabeceiro segue alí??? Estou recollendo información de novo sobre eles nos concellos limítrofes coa Ulloa para un artigo.

    ResponderEliminar