Di a lenda popular que nunha ocasión que o río Arnego ía moi cheo, a forza da auga terminara por arrastrar a ponte Vilariño, feita con vigas de madeira e táboas. Só quedara no seu lugar unha sólida viga de carballo. Unha noite con forte treboada e lóstregos, un veciño de Borraxeiros que ía de camiño cara a Cadrón no seu cabalo perdeu o sentido por mor dun raio que caera preto del cando aínda non chegara á Ponte Vilariño. Horas máis tarde, pola medianoite, apareceu en Cadrón sobre o seu cabalo, petando nas portas e pedindo pousada. Os veciños preguntáronlle de onde viña e ao dicirlles que viña de Borraxeiros, estes mostráronse sorprendidos porque desde había días non había por onde cruzar o río a non ser pola única viga que quedaba da ponte. O sucedido foi longamente comentado e atribuído a un auténtico milagre.
O veciño de Borraxeiros en mostra de agradecemento á intervención divina regaloulle unha coroa de prata á Virxe de Vilariño.
Na foto vese o comezo da ponte da banda de Agolada. A pedra que está á vista formaría parte do peitoril do pear dereito da ponte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario