3 de febreiro de 2009

859. PARADIGMA DA RESISTENCIA RURAL

Pasei a xornada do sábado 31 de xaneiro en terras de Sarria e Samos coas que me unen lazos afectivos desde neno. As paisaxes desta zona, especialmente fermosas, sempre exerceron en min unha forte atracción . O río Ouribio é a arteria que foi escavando un val angosto e fértil e nutrindo a feraz vexetación de álamos, carballos, bidueiros e castiñeiros. A man humana encargouse de cultivar as entaladas veigas e de domesticar as ladeiras circundantes en longas estivadas. A Serra do Edramo ou Carballal divide o concello de Samos en dúas metades ben diferenciadas: ao norte as terras baixas cruzadas polo Camiño de Santiago; ao sur, a zona de montaña que antecede e anuncia a aspereza do Caurel.
Na media tarde cheguei onde a neve impuxera a súa fronteira, preto de Airapadrón e Lampazas no camiño da Lóuzara Xabreira que cantara Fiz Vergara Vilariño. En Freixo e Escanlar fixen parada e conversei co señor David Veiga Lago, que aparece na foto. Deume información que eu lle demandei, agradeceume a conversa e a compañía e ofreceume a súa casa. Na media hora que compartimos souben da soedade voluntaria na que vive, "porque quen se criou na aldea morre pechado entre as paredes dun piso da cidade". Souben do lustro da súa viuvez e dos dous fillos que moran na cidade. El deulles estudos a ambos e amosoulles a porta do éxodo. Veñen á aldea cada fin de semana. Insisten en levalo para a cidade e el resístese e tempera do lume da casa mentres a saúde llo permita. Está moi orgulloso deles e dos seus éxitos laborais. Quizais iso compense o esforzo de telos estudado e a soedade presente. Non manifestou tristeza.
A tarde estaba fría e cos seus 85 anos, afeito ás nevaradas e aos traballos labregos de antano, desafiaba as temperaturas coa cazadora aberta, contrastando coa miña indumentaria, a de máis abrigo posúo. No lugar onde vive só habitan tres persoas en dous fogares, as outras casas permanecen pechadas. O sur de Samos despobouse de xeito alarmante, non hai relevo xeracional nin perspectivas de futuro. Souben polo alcalde que só quedan 1.800 habitantes en todo o concello (136 Km²), que pechou o colexio de Lóuzara, que nas aulas do colexio de Samos non chegan ao medio cento.
Cito ao señor David Veiga Lago como paradigma de supervivencia e apego proverbial á terra, expoñente dos moitos casos que coñezo no rural. Sorprendeume a excelente saúde da que goza, só un ataque reumático o levou durante uns días ao hospital hai media ducia de anos. Hai tempo que veño relacionando lonxevidade e habitar en lugares fríos. Este é o caso. Que pode haber de certo?
Esta entrada quero que lles sirva de homenaxe a el e aos moitos galegos que habitan a soedade das aldeas e que valoran toda a calidez humana dunha conversa. Tamén me gustaría que axudase a reflexionar sobre o que fixemos mal para construírmos un futuro que lles dá as costas ás aldeas, esencia deste país de desmemoriados.

3 comentarios:

  1. Está ben ghicho o home para ter esa idade. Supoño que a súa lonxevidade será unha suma de factores entre os que se inclúe a dieta. E falando de dieta, tés unha encarga no meu blogo.

    ResponderEliminar
  2. Esta reflexión tua ten batido na miña cabeza ben veces.
    Estanse dando as costas ó rural e, ademáis da pesadume que elo me provoca, penso que algún día nos pasará factura.
    Pero é unha pescada que se come o rabo. Non hai servizos e vanse; vanse debido a que non hai servizos...

    (Estarei atento a ese convite que che fai paideleo, para apuntarme)

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  3. Fermosas verbas e unha merecida homenaxe a esas persoas maiores, heroes anónimos, que habitan nas aldeas a medio camiño do olvido e a soedade.

    ResponderEliminar