4 de marzo de 2009

870. SAN SADURNIÑO (VELPELLÓS, VILARIÑO, AGOLADA)

O territorio que agora ocupa o concello de Agolada contou no pasado coas institucións monacais de Santo André de Órrea (monxas bieitas) e o mosteiro de San Sadurniño, na parroquia de Vilariño. Do primeiro queda documentación no mosteiro de San Paio de Antealtares en Santiago, lugar que acolleu ás monxas despois da reforma de Valladolid. De San Sadurniño quedan referencias orais e evidencias en varias casas da aldea de Velpellós. Segundo algunhas fontes puidera ser unha casa de retiro dos xesuítas e segundo outras ben puido ter sido un mosteiro benedictino moi anterior, ou ambas cousas no decorrer dos séculos.
Os propios do lugar faláronme de que aínda quedan restos dunha antiga condución de auga e dun prado moi posterior. Nos pasados días de entroido, aproveitando as excelentes condicións meteorolóxicas crin chegado o momento de pisar o lugar e chegar mesmo á beira do Arnego. Intenteino en dous días sucesivos, sen éxito. A vexetación adonouse do lugar a onde xa ninguén vai. A forte pendente en descenso e a distancia que hai á aldea deixárono en completo abandono. As fotos que obtiven indican o lugar máis próximo que puiden alcanzar, non sen esforzo. Terei que volver intentalo con máis tempo e armado de fouce e gallete. O lugar merece a pena, está inzado de historia, fermosas paisaxes ribeireñas e fondas evocacións.

4 comentarios:

  1. Entrar non deches entrado, pero gozaches da paisaxe brava e engaiolante á vez. A que si?
    A próxima tes que ir cando todos os toxos estean en flor ou cando veñan as uces e os carpazos. A ti non che é difícil calcular ese tempo.

    ResponderEliminar
  2. Coma ese "prado" de Mendes en San Sadurniño está a converterse o de Abeledo onda o muíño; se non mudan os tempos pouco vai tardar en estar igual; por iso, eu non estou de acordo cos que din non facer nada, pois sen facer nada botamos a perder o que non queremos perder.
    Anda con ollo, que despois de baixar hai que subir.

    ResponderEliminar
  3. De Órrea hai 5 documentos medievais publicados no ano 77, no número 15 da revista Yermo. Transcribo o rexesto que fai o editor dun do 1287 "La abadesa de Órrea afora perpetuamente a Domingo Martinez de Volpellos y a su hermano Tome Martinez la heredad de Cas Ferreira, en San Juan de Santa Comba, por dos regueifas, tres gallinas, dos cabritos y una rapada de cebada al año". Dos documentos de Órrea ha de saír moita información interesante para a historia do concello.

    ResponderEliminar
  4. Polo medio de esas uces quen me dera ver sobresaír uns cornos, enormes e lindos, de unha vaca cachena. Non sei se a respetaría o bravo lobo, máis a esa matogueira cumpría poñerlle freo: reducila, non facela perigosa para o medio ambiente e aportarlle máis fermosura á paisaxe. Para reconducir isto debemos servir os humanos.

    ResponderEliminar