20 de marzo de 2009

VESTIXIOS DO MOSTEIRO DE SAN SADURNIÑO

Hai poucos días falei nesta páxina do lugar onde se asentou ata mediados do século XIX a casa monástica de San Sadurniño, no lugar de Velpellós, á beira do Arnego, na parroquia de Vilariño. Case toda a información que puiden obter para constatar a existencia desta institución relixiosa procede de referencias orais, aínda moi vivas. Todos os veciños das parroquias colindantes oíron falar do convento de San Sadurniño e das rendas que había que lle tributar. Tamén saben indicar o lugar onde se ubicaba e citan unha condución de auga da que deberían quedar restos in situ.
No lugar de Velpellós informáronme de varias casas que foron edificadas aproveitando elementos arquitectónicos traídos das ruínas do antigo mosteiro. Cornixas molduradas repartidas irregularmente e sen continuidade, perpiaños graníticos nos esquinais, ou no medio de paramentos de esquistos (foto superior). A abundancia destes perpiaños, ás veces, só se xustifica pola facilidade de transporte desde o solar do antigo mosteiro e porque os bloques xa estaban labrados e preparados para ser colocados en obra.
Sobre estas liñas, caleado de branco e con inscricións, aparece un lintel incrustado nun muro que dá a unha palleira anexa á casa de Ramón de Negro de Velpellós. Non conseguín interpretar a inscrición e dificilmente se pode advertir un cáliz baixo a tubería e a billa. Todo o lintel presenta molduras no seu contorno. Os propietarios da casa souberon por boca dos seus antepasados que estes elementos foran traídos de San Sadurniño.
Moi próxima ao lintel anterior aparece unha pequena escaleira que comunica coa cociña da casa. Un dos chanzos presenta unha moldura curva que só se explica se pertenceu a unha construción anterior.
No lintel desta porta aparece un rebaixe en cuña, apropiado para estribar unha tranca. No lugar actual carece de sentido o rebaixe.
Neste muro exterior tamén se aprecia unha pedra con rebaixe para unha bufarda. Aquí está fóra de contexto e función. A suma de tantos elementos xuntos nunha mesma casa, máis a información oral obtida son suficientes para ver neles as pedras do vello cenobio.
Esta peza tamén cren que veu do mesmo lugar. Podería pertencer a un vertedeiro ou a unha condución de auga...




Cornixa en caveto nunha esquina da casa de Ramón de Negro.
Outras esquinas da casa que presentan cornixa moldurada e abundancia de perpiaños nos encontros de paredes e recercos de ventás.
Unha segunda casa que se cita como destinataria de pedras de San Sadurniño, é a que actualemte coñecemos como casa de Jacobo. Foi reformada nos anos setenta do pasado século e moitas pedras foron substituídas polos ladrillos. Na planta baixa queda este portalón con lintel grafiado. Importa o ano (1842) de edificación da casa.
Se lle concedemos credibilidade ás referencias que din que foi unha casa de retiro dos xesuítas, teriamos que deducir que foi a partir de 1767, data de expulsión de España dos xesuítas (Pragmática Sanción de Carlos III); cando o edificio iniciou un longo e triste camiño cara a ruína, ata a súa desaparición total. Esta casa de Jacobo sería erguida 75 anos despois aproveitando pedras que xa eran vítimas da ruína.
Casa de Fernández da Eirexe (Vilariño). Igualmente presenta sólidos e semellantes perpiaños. E cornixa moldurada en caveto con bolas.
Esquina da casa da Eirexe. Abunda o granito, máis ca nas casas veciñas.
Este cilindro pétreo, perforado tamén pertenceu a San Sadurniño. Da condución de auga?
Debo confesar que o descubrimento destes vestixios deume a satisfacción de poder reconstruír parte do noso pasado e deulle sentido ás verbas de meu pai e da madriña Concepción cando nos falaban desde Carmoega de que á beira do Arnego, máis arriba da Zarra da Pena, houbera un convento.

8 comentarios:

  1. Mais a cornixa da casa da Eirexen, non parece máis ben románica?

    ResponderEliminar
  2. Busto, eu oín de varias persoas que estivera vencellado ao mosteiro de Carboeiro, do cal seica dependía. Este, creo, era da regra de S. Bieito; sen embargo, a situación parece máis propia de frades cistercienses, asentado en terreo gañado ao bosque, ermo de poboación e con un terreo ao redor que permitise subsistir a un núcleo pequeno de frades.
    Tamén oín que fora un mosteiro de castigo de frades.
    A versión de cenobio xesuíta nese enclave tan apartado resúltame pouco convincente (tampouco teño argumentos suficientes para rexeitar esa orixe que ti dás) e, ademais, xamais oín a ninguén que aludise aos xesuítas.
    Sospeito que fose un convento sempre pequeno e sinxelo que xurdise na Idade Media e que xa hai moito foi abandonado; supoño que xa non chegou á Desamortización de Mendizábal.
    O enclave (aí había un bo prado que desapareceu nos últimos 20 anos) é de Mendes de Velpellós; poida que el saiba algo máis.
    Bastantes pedras de menor calidade supoño que as levarían para facer un pouco máis arriba a tosta da luz ou presa que arrasou unha forte riada.

    ResponderEliminar
  3. Entre os elementos visuais que nos amosas quizais haxa que peneiralos. Hai uns importantes (a pedra inscrita e en menor medida cornixa moldurada da antiga casa de Rielo); outros da mesma procedencia, pero de escaso valor (abondosas pedras de granito traballado en zona onde o granito escasea)na mesma casa.

    O lintel da casa de Romeu, ou se queres Jacobo, penso que non subiu de San Sadurniño. Ten en conta que esta era casa de certa importancia, que (creo)cobrou foros, e que segundo a miña información incribiuse directamente para a propia casa. A Velpellós veu algún granito de Friufe, do monte de Esperante e incluso do propio monte
    onde está San Sadurniño.

    Os restos da Eirexe foron unha agradable sorpresa para min. Nin as coñecía nin oíra falar de que tiña pedras do convento. Dixéronche que viñeran de Velpellós? Esta posible procedencia sería un dato importante. As cornixas parecen puramente románicas, polo tanto medievo. Tamén puideron proceder de unha igrexa máis vella ca actual barroca, no mesmo lugar.

    O vello convento posiblemente non tivese moitas pedras de valor tendo en conta que aí non hai granito a man e que tampouco foi un convento moi importante coma para facer grandes traslados.

    ResponderEliminar
  4. Ese tipode adorno da cornisa con bolas vino nunha casa de Gondomil, donde existío unha propiedade dos Moscoso. Bo traballo de campo. Noraboa.

    ResponderEliminar
  5. Coincido bastante con Antontorreiro. As cornixas son románicas, e a que ten molduras probablemetne pertencera a unha antiga igrexa ou "convento" medieval, que por algunha razón desapareceu. Na nosa zona abundan cornixas con molduras en caveto e con bolas, sen ir máis lonxe na miña casa apareceu cando fixemos unhas obras, unha parecida. Pero, en fin, están aí e o que si está claro e que pertenceron a algún tipo de igrexa medieval, o mesmo que as pezas de conducción de auga; e o que si está claro e que é un bo traballo de campo. Procurarei buscar información documental. Un saúdo

    ResponderEliminar
  6. Xa ves......deixaronme sen palabras.
    Por certo moitas grazas pola tua mediacion no dia do pai....Xa me contaron Marcos e CArmen.
    Unha aperta, e xa a probarèmos....

    ResponderEliminar
  7. Sería interesante sacar á luz algún documento escrito antigo da contorna que aportara luz. Seguramente existen textos que indirectamente falan do convento, mais convén dar con eles. A ver se alguén dos que polo teu blog pasen puidera aportar algo neste sentido.
    Cando menos ti fuches quen de aportar moita información e abrir vías. Boa liña, si señor.

    ResponderEliminar
  8. Interesante, así que moitos elementos do convento foron parar a casas particulares? E por iso que o pillaxe existíu sempre e existirá.

    Se queres botalle unha ollada a este blog:

    Picota y cepo

    Penso que che pode gustar, fala de moitas burradas que se fixeron e se están a facer co arte románico.

    ResponderEliminar