27 de outubro de 2009

FEIRA DE PARGA - GUITIRIZ - LUGO

Andei por estas terras lucenses o 15 de setembro na procura do soado recinto da feira de Parga. Ía confiado, sabía por lecturas anteriores que contaban cun estupendo campo de feira e que conservaba pendellos.
Desde que botamos a andar a asociación Amigos dos Pendellos e prendemos na idea de axudar a montar un Museo das Feiras, pareceume que era obrigado que alguén se ocupase de estudar, visitar e coñecer os principais campos de feira de toda Galicia. Nesa tarefa ando desde hai catro anos e xa levo visitado máis dunha vintena. Este de Parga gustoume especialmente, polo conxunto: os Pendellos, grandes e restaurados. Iso si, só hai tres pendellos-expositores longos e varios mostradores exentos; unha necesaria e vetusta carballeira, unha área recreativa, a capela de San Xosé, o río Parga, a ponte medieval, un pequeniño museo e a vila de Parga. E a feira que se celebra dous días ao mes e conta cunha numerosísima concorrencia.
Daquela visita déixovos as imaxes que seguen. As que levan texto merece a pena agrandalas para ler máis comodamente. Os textos son suficientemente exhaustivos para que eu non siga aportando datos.

















5 comentarios:

  1. Bonito lugar... eu creo que tamén fun, pero a verdade, e que xa non me lembro. Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Descoñecía os pendellos de Parga, pero alédame moito que os haxa e estean en bo estado, hai que propoñer a Cultura a difusión e creación dun circuíto “ruteiro” dos Pendellos de Galicia, sendo a súa capital os de Agolada. Desde O Pico Sacro

    ResponderEliminar
  3. acuncabranca.blogspot.com18:03:00 CET do 28 de outubro de 2009

    A feira de Parga é a única, que eu coñeza, que sobreviviu a aquel nefasto decreto que prohibiu a venda ambulante de pitos, pitas,parrulos, polos, galiñas e calquera bípedo plume susceptíbel de contraer a gripe aviaria, co que ademáis de ter contentas ás grandes granxas de distribución, conseguiron rematar cunha tradición case que milenaria: que cadaquén puidese vender os animais que criaba na casa, compatibilizando pequena explotación familiar con comercio. Na feira de Parga aínda podemos atopar quen nos venda dende cabuxas (a que teño na casa veu d´aló)ata porcos, burros, coellos e como non, pitas de tódolos tipos e clases. Ademáis, e como comentades no blogue, a contorna é envexábel, con esa carballeira (americana, algún fallo tiña que ter)a carón do río que dou nome á poboación, e conservando aínda os pendellos dos que xa quedan poucos exemplares. Por todo isto, e máis polos lacóns da casa que podes atopar aló, longa vida á feira de Parga!

    ResponderEliminar
  4. Vasme ter que perdoar pero metinte nun meme.
    Pasa polo meu blogo.

    ResponderEliminar
  5. Eu coñezo tamén os pendellos do Viveiró, concello de Muras. Son de interese tamén.

    ResponderEliminar