Como colofón e despedida deste ano 2009 traio estas dúas imaxes que xenerosamente me aportou Santiago López Faílde, veciño de Friufe afincado en A Coruña e lector deste blog. As fotografías son da década dos 60 do pasado século e recollen o momento de medar na eira da casa de Faílde de Friufe. Pertencen ao álbum da casa de Cambote. Coa mesma xenerosidade con que me foron ofrecidas así volas transmito.O 13 de setembro do presente ano visitei a exposición de Ruth Matilda Anderson no Centro Social de Caixa Galicia en Lugo. O 5 de decembro achegueime aos Cantóns de A Coruña para remirar no centro homónimo a mesma exposición ampliada. Gocei de cada imaxe, retallos de historia, etnografía e antropoloxía. Idéntica sensación experimento coa contemplación destas escenas que me foron ben familiares antano e que hoxe xa quedan arrecantadas na arca da memoria.
Descoñezo quen foi o fotógrafo, pero iso non empece ren para afirmar que en calidade, oportunidade, composición e costumismo, acade cotas comparables ás da citada fotógrafa americana, que fora comisionada por The Hispanic Society of America para estudar a través da fotografía a cultura galega e a extremeña nos anos 1924, 1925 e 1926.
A maioría dos lectores coñecen o verbo medar. Por se houbese alguén aínda moi xoven que descoñecese este verbo e o labor que designa, recollo do dicionario o seguinte: MEDAR: "Colocar unha cousa en medas". MEDA: Morea de forma cónica, máis aplanada cós palleiros, que se forma pola acumulación ordenada de feixes (monllos/mollos) de centeo, trigo, millo, herba, etc. 
P.D. Hoxe, 12 de outubro de 2010, veño de saber o nome do autor destas imaxes: Jesús Faílde Oro, de 74 anos e oriúndo de Friufe. Coa noticia tamén me chegou a promesa de máis fotos do mesmo autor. Déixolle aquí as grazas anticipadas.

4 comentarios:
Magníficas imaxes que dan testemuña dunha realidade non tan lonxana no tempo (aínda que agora o pareza...).
Que o 2010 sexa un ano de tranquilidades e de disfrutes do traballo ben feito. Moita ledicia e despedir ben este ano nove que remata xa.
Unha aperta
Isto faime recordar o bencelleiro de corno de cervo cos que eu bencellaba os monllos, coas mans ensanguentadas e os pantalóns mollados pola suor nos días da corta do trigo, aquel bencelleiro de corno do último cervo cazado nas ribeiras do Ulla aínda o conservo como a arma asasina da miña xuventude, alí anqueles sucos ateigados de xaramagos e encharcados da suor e bágoas quedaron enterrados os sufrires dun tempo pasado moi romántico pero moi amolado.
vaia,
o comentario do anónimo anterior,
e para non perder unha coma.
qué pena,
non poder ver ese bencelleiro...
Gostaríame poder contactar con vostede a través de correo electrónico por estas fotos e outras que podo aportarlle.
A miña dirección de correo é: jesusfailde@gmail.com.
Un saúdo.
Publicar un comentario en la entrada