19 de xullo de 2012

PONTELLA DE RIAZÓN NO CAMIÑO DE VENTOSA A SAN MIGUEL


Sobre o rego da Xara, zugando linfas que descenden frescas do Farelo, apouséntase rexa e resistente unha humilde pontella que dá paso aos camiñantes despistados que se perden por este camiño antigo que na actualidade só frecuentan cazadores e algúns labregos que aínda resisten na teima do pastoreo tradicional.
A pontella pétrea, sólida, vexetada de liques e brións, asentada sobre tres peares de cachotes  e bordeada por un peitoril de exigua altura vadea o regueiro e comunica as aldeas de Laxe (Ventosa) e San Miguel (Gurgueiro). Pontella e camiño convertéronse en reliquias dese pasado recente que imos abandonando desque aprendemos a movernos en vehículos automóbiles por estradas de comodidade e asfalto. Hai xa algúns anos que andei por alí e tomei estas imaxes e agora a lembranza sábeme a paisaxe vigorosa, a beleza vexetal coutada entre valados, a  historias de camiñantes ousados, a reminiscencias das aldeas que coñecín de neno.

4 comentarios:

  1. Son fermosas esas pontellas antigas, reminiscencias de tempos idos e que quizais non volvan, con todo o que eso supón de perda.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Na miña aldea temos unha pontella parecida que chamamos da Santa Cruz. Chegar ata ela é un dos meus paseos preferidos.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  3. Non sei que teñen de novelesco as pontes e as pontellas... esa necesidade de aproximarse, de pasar ao outro lado.
    As pontellas gústanme especialmente por humildiñas, por desapercibidas... Esta do teu post é preciosa e, moito máis, enclavada nesa paisaxe deliciosa.

    ResponderEliminar