24 de xaneiro de 2017

PASADO, PRESENTE E FUTURO DA GALICIA RURAL DESPOBOADA

"Quen queira coñecer o futuro, que estude o pasado". 
O pasado da Galicia rural pode resumirse nesta toma aérea de 1956 (en branco e negro), obtida na parroquia de Froufe (O Irixo). Nela vemos tres aldeas (O Alén, Froufe -aldea de Baixo- e Froufe -aldea de Riba-). Entre as tres aldeas, as terras de labor e os prados, dispostos nas ladeiras que verten no río Viñas. Cultivos rotatorios debuxan un minifundio de retículas. Nabeiras e milleirais. Centeeiras e trigás. Porrais e cortiñas. Prados de herba verde e prados da herba seca. Leiras de patacas. O monte circunda os cultivos na parte alta das ladeiras. Chousas e zarras. Tenzas e estivadas. E para articular este puzle ábrense camiños e congostras expeditos e en uso. E algo que a imaxe non permite ver son as pontellas e os muíños aínda activos. A case totalidade das vivendas, habitadas por familias de ampla prole. Varias xeracións animan as casas e os rueiros cos seus diarios trafegos. A aldea latexa viva na autarquía e na escaseza. Pero latexa cos seus traballos, coas súas inquedanzas, coas súas festas e alegrías, coas súas expectativas insatisfeitas. Pero aínda latexa.

 Corenta e oito anos despois (o presente) IXG da Xunta obtivo esta imaxe (en cor) dos mesmos lugares. O Alén (con toda a súa carga semántica) hai décadas que dorme no silencio do abandono, do éxodo imparable. En Froufe, nas dúas aldeas, só sete persoas e catro chemineas fumegando. A actividade agraria é case imperceptible. E nese contexto prodúcese o avance inexorable das matogueiras e do bosque. A natureza, sempre sabia, recupera o terreo que séculos atrás lle fora roturado. Máis sabia aínda: prescinde da man humana e recupérase espontaneamente con árbores e vexetación autóctona. O carballo e o acivro capitanean esta colonización. No sotobosque destacan o espiño albar e a xilbarbeira.
A aldea de O Alén, solitaria e abandonada, entrégase resignada á deglutición das silveiras e das hedras. Os tellados sucumben ante a lei da gravidade e a forza dos meteoros. Un día serán ruínas que alguén no futuro quizais convirta en obxecto dunha escavación arqueolóxica. Triste realidade a das aldeas abandonadas, mitigada tan só pola paz e a serenidade que se respira no entorno boscoso que as fagocita.
O anteriormente exposto é o resultado de corenta e oito anos de abandono paulatino. O futuro podemos intuílo trazando unha liña recta que una os dous puntos anteriores e prolongándoa na liña do tempo. Iso permitiranos coñecer a dirección. Quizais a velocidade vaia en progresión xeométrica, onde ata agora fora aritmética.
É esta a Galicia que planeamos? E a Galicia que queremos? Territorios secularmente habitados convertidos en bosque impracticable e deshumanizado? De non variar  o rumbo, ese parece ser o tráxico destino que nos espera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario