14 de marzo de 2007

VALADO

Vala, valado, valo, valar, circunvalar. Todas da mesma familia léxica. Do vallatum latino. Muro de pedra, sinxelo e de mediana altura, que choe unha leira, prado ou zarra.
Escollo este tema a teor do último comentario que recibín. Son un patrimonio importante, expoñentes do noso proverbial apego á terra e ancestral minifundismo. Non serei dos que defendan os valados en contra do progreso. Pero si todos aqueles que non merezan ser tirados ou que se poida evitar derrubalos. Hainos que son monumentos en si mesmos. O da foto invitoume a retratalo, hai xa máis dun ano, a súa perfecta aliñación, as cores ocres e ferrosas dos seus liques, a evidencia de que se trataba dun valado erguido nunha zona de transición do granito aos esquistos.
Este valado está á beira da estrada local que vai a Vilariño, moi preto da Eirexe. ¿Reparastes algunha vez na beleza dun camiño debuxado co tiraliñas das tanxentes dos valados?

2 comentarios:

  1. é unha foto preciosa, parece o sendeiro que vai trazando o caracol, coa súa casa a costas.
    eu tampouco estou en contra do progreso sempre e cando non sexa aberrante. pero é unha gozada dar unha volta polos camiños, simplemente respirando e achando as pegadas do tempo.
    unha aperta

    ResponderEliminar
  2. Agradecido por esa foto. Seguro que tes algunha ademais na que os valados lle dan forma ao minifundismo. Son impresionantes. E claro que deben ser rescatados e protexidos e iso ten moito de progreso, moito máis do que a xente pensa. Por certo, creo que cada zona de Galicia ten a súa maneira de facer valados; no norte de Lugo vinos só con chantas, por exemplo.

    ResponderEliminar