Despois de varias fotos antigas era hora de ofrecer neste blog unha foto actual dos Pendellos, este noso recinto de feira, único e irrepetible.
Os pendellos de Agolada son un referente no mundo das feiras populares. Para conseguir ser obxectivos é preciso coñecer. Desde hai xa uns anos veño estudando e fotografando os espazos feirais dos que teño noticia e podo visitar. De momento, dos que coñezo Agolada ocupa un lugar destacado. Algúns pobos arrasaron aquelas construcións por humildes e por non aprezar o seu valor etnográfico. Sucedeu en Lalín, Vilatuxe (Lalín), Brántega (Agolada), Bandeira (Silleda), As Cruces (Sobrado dos Monxes), Palas de Rei...
Pola contra, consérvanse recintos dignos, enteiros ou mutilados: Agolada, Parga (Guitiriz), Castro de Ribeiras de Lea, Barrazoso-Gaibor (Begonte), Meira, Castroverde, A Pobra de San Xiao, O Páramo, Castroncán (Samos), Lousadela (Portomarín), Río (Rodeiro), A Gouxa (Dozón), Cuspedriños (Cotobade), Tamallancos (Vilamarín), Moldes (Boborás), Doade (Beariz), Baíñas (Vimianzo), Baio (Zas)...
Os Pendellos de Agolada ocupan un lugar preferente por múltiples razóns: porque constitúen unha estrutura compacta no entramado urbano da vila, pola organización espacial en canellas e prazas, aliñadas cos camiños que a comunicaban, pola inxente cantidade de pendellos, pola diversidade de construcións (pendellos expositores, casetas-almacén, pendellos-comedor, pendellos-vivenda e capela), pola organización gremial dos espazos, pola prestancia e disposición dunha rúa principal para o paseo e o mercado: A Parranda, avenida porticada sobre monolitos graníticos de especial plasticidade e disposición arquitectónica; pola maxestade da pedra, polo pragmatismo e funcionalidade do recinto, pola historia que acumula e pola memoria que deles gardamos.
Neste momento de espera, no que a primeira restauración seria é unha realidade inmediata cómpre recordar a obriga que temos de legar e conservar este espazo para a posteridade.
foi no 2004 cando descubrín os pendellos, da man de pintor, nunha das excursións coa xente de galego da escola oficial de idiomas de vigo. un día marabilloso e un espazo entrañable, acompañado da voz do benquerido pintor.
ResponderEliminar