A principal vía de comunicación do concello de Agolada é a estrada nacional 640, que cruza o concello de leste a oeste. O Ministerio de Fomento ten previsto facer unha circunvalación en Trascastro (As Trabancas) para evitar cruzar a poboación.
Hai dous ou tres anos vin na prensa o anteproxecto que o Ministerio redactara para apartar a vía da aldea de Cadrón (Lalín). Coincidía ese anteproxecto coa liña de puntos amarelos que debuxei á esquerda da foto (extraída do SIXPAC).
Mais nunca oímos de ningún proxecto que salvase o difícil traxecto da curva de Rebordelos. Esta curva convertérase no principal foco de accidentes de toda a estrada. O ano pasado, despois de que morrese en accidente de coche nesa curva un mozo de Agolada, o pobo manifestouse, as autoridades e a Asociación de Empresarios demandaron melloras e conseguiron unha nova capa de rodadura para a zona. Desde entón diminuíron os accidentes. Pero aínda así paréceme unha solución a medias cando existe a posibilidade de mellorar notablemente o trazado (tal e como recollo na liña de puntos amarelos da dereita). A idea suxeriuma Alejandro García nunha viaxe que fixemos xuntos. Posteriormente fun visitar a zona para valorar o que a priori xa me gustara no plano teórico. Sen pretender suplantar nin a topógrafos nin a enxeñeiros, creo que salvar o outeiro pola esquerda, segundo se baixa, é a opción máis adecuada. Por varias razóns:
1ª) O trazado quedaría nunha única curva ata a ponte Vilariño, aumentando o radio da mesma e evitando as catro curvas actuais.
2ª) Diminuiría a pendente da vía ao alongarse algo o trazado.
3ª) Discorrería pola zona soleada da montaña evitando as xeadas e as humidades. O firme estaría máis tempo seco, especialmente algúns días no inverno.
4ª) Topográficamente o terreo non presenta ningunha dificultade, nin grandes recheos, nin grandes taludes, desde logo moito menores que os que leva polo trazado actual.
5ª) Xeoloxicamente o terreo é de características semellantes ás do trazado vixente.
6ª) A vía ocuparía terreos forestais de pouca calidade e de baixo custo na expropiación.
¿Por que non deseñaron a vía por esta parte? Probablemente porque seguiron o trazado da estrada de 1920, cando non había tantos medios coma hoxe para facer taludes, pontes e escavacións.
Por soñar que non quede. Logo que ninguén diga que non se aportan ideas construtivas. Aquí non hai crítica, hai reflexións e solucións posibles.
ACLARACIÓN: O tramo comprendido entre as dúas liñas de puntos coincide coa actual ponte de Vilariño sobre o río Arnego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario