Corría agosto de 2004. A Asociación Amigos dos Pendellos estaba recén fundada e desde aquel momento comezamos coa tarefa de investigar, coñecer e divulgar o patrimonio de Agolada, fundamentalmente o histórico, artístico, arqueolóxico, etnográfico e natural.
Grazas a información obtida de Pepe de Fernandiño e de Edelmira puidemos descubrir esta xoia do Neolítico: o gran dolmen dos Muíños, oculto entre xestas, uceiras e toxos. Un carballo mociño medraba no centro da cámara funeraria. Alí, agochadiño, aparecía ante nós este incrible tesouro arqueolóxico tantos anos ignorado. O primeiro impacto foi saber da súa existencia e dimensións, o segundo había de vir meses máis tarde cando soubemos do valor engadido que lle conferían as pinturas e gravados dos ortostatos.
A acción seguinte ao seu coñecemento foi a de dilvulgar a súa existencia, traer a arqueólogos que a valorasen e proceder á súa catalogación e estudo. Tamén ambicionamos a súa posta en valor pero isto aínda non foi posible pese ás primeiras medidas protectoras que adoptou a Consellería e ás futuras sinalizacións con monolitos explicativos.
Na foto superior pódese ver a pista da concentración parcelaria que pasa mesmo á beira do túmulo. O pequeno carballo que medra á dereita é o que está no medio do dolmen. Nas fotos inferiores vemos a Laureano Otero Soengas (Tito) e a Xosé Vázquez Pintor respectivamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario