21 de setembro de 2008

812. CASA DA PENA (II). ELEMENTOS

Xa falei aquí en datas recentes do Pazo de A Pena (Carmoega), ou Casa da Pena, edificio con pasado fidalgo e que exerceu o señorío sobre a xurisdición de Carmoega. Conserva abundantes vestixios do seu pasado esplendor, diminuído polo seu estado de abandono desde hai décadas.
Na foto superior observamos á esquerda o portalón polo que se accede ao alpendre do lagar, un forno e a casa dos caseiros ou casa do óculo (repárese na fiestra circular).
No lagar destacan a viga de freixo á que lle falta o parafuso. Igualmente sobresae a columna circular de cachotería que vemos en primeiro plano.
Portalón con postigo dunha das cortes.
Forno que está nunha dependencia interior, á beira da cociña.





A casa mantense, con poucas excepcións, coma hai un século ou máis e nela quedan elementos etnográficos singulares, coma o malladeiro de millo da imaxe da esquerda.
Nun dos vestíbulos consérvase este colgadoiro da roupa e chapeus, rústico, deteriorado e auténtico.
Na esquina dun dos cuartos vemos o retrete de madeira con cortina.
Noutro cuarto queda o armario roupeiro de fábrica. As paredes da casa sérvenlle de fondo e lateral dereito.








Detalle das divisións interiores, realizadas con madeira e caleadas.
No muro da planta baixa que dá ao celeiro e a adega aparece esta troneira enmarcada en pedra granítica. Na actualidade aparece medio oculta baixo o antigo corredor da solaina e tapado por algúns trebellos da labranza.