Sei, sabemos desde a Asociación Cultural "Amigos dos Pendellos", que a restauración destas humildes construcións de feira non encontran simpatías unánimes. Era preferible a indiferencia ao desprezo. É unha espiña que levamos cravada pois non fomos capaces de transmitir a unha parte dos nosos conveciños a conveniencia da preservación e potenciación deste mercado antigo para un futuro mellor de Agolada.
Eu creo que nunca antes se acometera cos Pendellos un proxecto tan ambicioso. Conseguimos entre todos que a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura nos apoiasen nas nosas aspiracións e desde hai uns días comezan a facerse realidade as obras tan esperadas.
1.200.000 € para tantos pendellos seguro que non han chegar e teremos que buscar novas axudas para conseguirmos a restauración integral do conxunto. Neste momento a Deputación inviste 200.000 € nos pendellos-comedor e nuns aseos públicos; a Consellería, 300.000 para restaurar a Casa da Neves (futuro Centro Expositivo das Feiras) e a Capela das Virtudes. Máis algún pendello-expositor.
Logo virán os pendellos-expositores e as casetas almacén. Tamén haberá que mirar de lle buscar outro pavimento ás rúas e canellas, igualmente digno e fermoso pero mellor transitable. E finalmente teriamos que avaliar entre todos a conveniencia de recuperarmos o Paseo da Parranda para integrar o recinto, fendido en dúas metades asimétricas. Aquí poderiamos ter o mellor Paseo cunha rúa porticada, ben iluminada na noite e vestida con algúns carballos de sombra e verde. A Capela co seu adro axardinado e iluminado formaría un recanto para o lecer e o repouso.
Coas obras rematadas vén unha tarefa non menos importante: a de lle tirar proveito aos edificios. O Concello ten que implicarse a fondo, pode contar coa nosa colaboración, pero a responsabilidade sempre recaerá nas mans de quen goberne. Xestionar un patrimonio cultural require ideas, ilusión, motivación, asesoramento e moita vontade de traballar arreo.
De momento creo que podemos respirar algo de optimismo ao vermos as dúas empresas (DICSA de Pontevedra e RESCONSA de Lugo) coas súas casetas e valados metálicos rodeando os Pendellos e comezando unha actividade febril entre as antigas pedras de Agolada.
Seguramente tés razón e non toda a vecindade de Agolada non lle ve proveito neste momento a todo o esforzo, tanto pesoal como económico, que estades logrando. A unanimidade resulta moi complicada nestes casos, e se mo permites, moito máis nos nosos pobos e vilas. E todo elo por moitísimas razóns que farían prolixo este razoamento, pero que a bo seguro algunhas agroman á mente dos que coñecemos ben como foi a vida nos nosos pobos...
ResponderEliminarFacedes ben seguir atentos e, dentro da ledicia que agora podedes sentir, non baixar a garda. Non me cabe duda de que ao final, logradedes demostrar a máis de un que realmente merecía a pena!
Merece a pena, amigo Busto.
Unha aperta
Agora non cómpre que decaia o voso ánimo. Os do desprezo seguro son os haiqués que tanto admiras. Nin caso. Por primeira vez que recorde hai un proxecto serio na vila.
ResponderEliminarX.
Eu véxote nese día,cando rematen as obras na súa totalidade, ollando ao ceu e berrando "agora xa podo morrer tranquilo"
ResponderEliminarÉ ademirable a vosa laboura. Posiblemente non volo recoñezan en vida, mais eso dará o mesmo, non é a vosa búsqueda.
Unha aperta.