18 de febreiro de 2010

ESCOURAS NO REGO DA XARA. GURGUEIRO

O domingo pasado, como xa non me cabía a alma no corpo, tiven que ir certificar a presenza de escouras nas beiras do Rego da Xara, como me indicara un veciño de San Miguel. Todas as referencias eran exactas. Puiden comprobar como no prado da imaxe, lindeiro co devandito arroio, existen abundantes restos de escouras, as cales testemuñan a existencia pretérita dunha ferraría neste lugar. Tamén puiden comprobar que as escouras só se atopan na marxe esquerda e non se estenden río arriba.
Velaquí o regato da Xara que nace catro quilómetros máis arriba na Aldea do Monte (Ventosa) e pasa á beira de Río e polo fondo da aldea de Axiaz, cruza a ponte de Vales e a pontella de Riazón e chega moi logo ao prado das Escoiras, entre Laxosa e San Miguel (Gurgueiro). Aludir ás augas límpidas e cristalinas é puro bucolismo. Aparentemente paréceno, e de seguro que están bastante limpas pero xurros e plásticos, pesticidas e preas encárganse de desmentilo axiña. Canto me gustaría dicir o contrario. Alomenos iremos creando conciencia e responsabilidade fronte aos cursos de augas que foron impolutas ata hai ben pouco.
Deixo aquí algunhas imaxes de escouras atopadas á beira do regato nun treito lonxitudinal duns cen metros aproximadamente.
O regato baixa emparedado entre valados pétreos para protexer os prados fronte á erosión. Esforzo humano versus forza do torrente.
Na imaxe de abaixo, as escouras marqueinas cun asterisco. Baixo a auga hai bastantes máis.
Esta ferraría está situada a menos de catro quilómetros da de Ferreiroa. É de supoñer que se surtirían do mesmo filón de mineral e que ambas fundicións fosen coexistentes. A probable extinción do mineral na Regueira do Ferro (nun punto intermedio entre ambas) levaría consigo a desaparición destas rudimentarias industrias, que deixaron a súa pegada na toponimia e microtoponimia: Ferreiroa, Regueira do Ferro e Prado das Escoiras.

2 comentarios:

  1. Qué interesante!!

    Dende logo que a zona de Axiaz non para de dar sorpresas.

    ResponderEliminar
  2. Non tiven tempo para revisar esta importante aportación ao coñecemento histórico da nosa comarca ata hoxe, pero deixoume bastante sorprendido, sobre todo polo feito de se atopar varias localizacións de escorias nas proximidades de Ferreiroa. A toponinmía non nos engana, senon que nós di bastante do que ten pasado alí.
    Tan só quero facer unha puntualización a este descubrimento. O feito de teren aparececido diversos campos de escorias de tamaño pequeno e cun mediocre aproveitamento do mineral (ferro) vennos a indicar dous feitos:
    1- Que se trata de explotacións de pequenos filóns de ferro que se atopan asociados fisuras abertas no granito, polas que houbo circulación de augas ferrosas profundas
    2- Que eran explotacións de tipo artesanal ou moi rudimentarias

    Outra cuestión é saber de cando datan, pero todo parece indicar que son bastante antigas.
    Respecto da aportación de Busto ao coñecemento e difusión da cultura temos que darlle as grazas por tanto esforzo.

    ResponderEliminar