1 de xuño de 2017

MOZOS NA FONTE DA PRAZA

Nestes días pasados, e mesmo hoxe, acabo de recibir decenas de novas imaxes do arquivo de Manuel Galego Iglesias. Outra marabilla que vén a unirse aos anteriormente publicados neste blog, de Ton van Vliet e Jesús Faílde Oro. A min enconméndame a difícil misión de publicalas. Identificar persoas, datas aproximadas e presentalas cun texto que lles falga algo de xustiza. Agradézolles a todos, estes tres e outros que me permitiron extraer imaxes dos seus arquivos ou álbums, a enorme confianza que depositan en min ao confiarme este valioso tesouro gráfico de Agolada. Digo que a tarefa é difícil. O primeiro que procede valorar é a procedencia ou non da súa publicación na Rede, tamén procurar non ferir sentimentos nin sensibilidades. Todos sabemos de persoas que prefiren que a súa imaxe non sexa publicada,  outros sen embargo alédanse de recibir unha imaxe de si mesmos que non posuían ou que nin sequera coñecían. En calquera caso, cómpre indicar que o que aquí pretendemos é congratularnos nesa común historia compartida, de cando habitabamos Agolada e a nosa presenza acugulaba casas, prazas e rúas.
Eis seis mozos, Luís, Benito, Ovidio, Xosé, Nilo e Pepe Luís. Unha mañá de domingo, despois da misa, como procedía naqueles lonxanos anos 1962-64. Seis mozos. Nilo viste a sotana de seminarista. Poucos anos despois ordenaríase crego e exerceu o seu ministerio con moito agarimo ata o seu prematuro pasamento. Lembrámolo aquí co mesmo afecto que sempre lle profesamos e agardo que a súa irmá, a quen estimo moito, se alede con este recordatorio. Porque a xente pasamos e a memoria queda.
A praza de Agolada lucía humilde  e con orgullo a fonte de poucos anos (inaugurárase en 1946). A casa do Fraga, que foi panadería e o pozo que axudou a calmar as sedes, tamén dos feirantes. Unha Agolada de pedra e xabre, chea de xente.
Grazas, Pablo, por permitirnos ollar estas estampas que nos fan revivir o pasado para a alegría presente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario