Feliz Encontro
nesta xornada,
alegre festa
da Memoria e da Palabra.
Estamos xuntos
para a homenaxe
a Manuel Caamaño
nos Pendellos de Agolada.
Arquitectura de feira rural
pedra labrada, arte popular,
pendellos que nos legaron
para restaurar, para habitar.
Tamén lle encargamos a Xosé Vázquez Pintor unha letra adaptada ao noso Encontro relativa á feira que tiña por escenario estes pendellos, seguindo a música da canción "A Rumboia" de A Quenlla. Nas fotos observamos o momento durante o cal a cantamos, acompañados polas voces e a música de A Quenlla:
ESTRIBILLO:
¡O día é Doce
o día é Feira,
ergue Manuel,
lava, viste e vaite a ela!
Aquí no cerne Agolada
garda a memoria das feiras
onde tantísima xente
viña de sempre á súa beira.
E nos Pendellos da vila,
que son historia de pedra,
vive a infancia e xuventude
das nosas vidas daquela.
Así naceron as falas
dos ovos, queixo e manteiga,
dos repolos, pan e viño,
do lenzo e traxes de festa.
E o mellor pulpo do mundo
era cocido en caldeiras
de cobre co lume de achas
ata que os rabos ourean.
No prato van as talladas,
arrecenden na madeira,
buscan o pendello grande
dos xantares e as conversas.
O mar en terra é bocado
O mar en terra é bocado
que sabe en boca labrega
falar das mil marabillas
que hai nas Cíes, Ons, Fisterra...
Aquí nos pendellos eran
os días sempre unha chea
de palabras para os tratos
que se pechan nas releas.
O paxariño é unha sorte
e o cego vai na miseria
dun corpo que sempre canta
as desventuras alleas.
E volve o labrego á casa
onde a muller sempre espera:
trae consigo a compaña
da vaca, nai da becerra.
Xa no silencio do cuarto,
cando outra noite se achega,
bícanse os dous namorados:
¡que non hai feira sen festa!
21 do mes da Nosa Señora 2005
Gardo un vago recordo da minha estadía por eses campos da feira. Neste vindeiro verán buscarei na minha axenda un oco para achegarme a vosa vila. Parece mentira que desde o concello das Cruces non coñeza o da Golada. Só agora, polo feito de vivir lonxe, me animo a percorrer os camiños darredor da minha casa.
ResponderEliminarCoido que tamén lle pasa a moita xente.
saúde e terra.