15 de abril de 2007

UNHA AGOLADA VIRTUAL

Onte despois de asistir entre o público ao acto de presentación da candidatura do BNG ás eleccións municipais de Agolada quedei un cacho conversando con algúns coñecidos e amigos. Todos os que alí estabamos tiñamos algo que nos unía: a vontade de procurar a resurrección de Agolada. E digo ben porque se non está morta, ou está medio morta ou esmorecendo, que é unha maneira de morrer. Outros prefirirán chamarlle revitalización posto que aínda ten vida, aínda vivimos tres mil e pico onde antes viviamos máis de cinco mil. É cuestión de enfoque. O que ten menos discusión é que a Galicia rural necesita revulsivos para fixar poboación, ofrecer aos seus habitantes unha vida tan digna en servizos e recursos como as do medio urbano, coa excepción dos servizos universitarios e hospitalarios, que calquera debe admitir que nunca poderá haber no rural.
Conversando con Xosé Luís Sucasas sobre este blog e sobre o meu compromiso e entrega coa Agolada dicíame que calquera que lese esta bitácora coñecerá a alma deste concello e levará a impresión dunha Agolada máis grande ca real. Non era cuestión de debater se se trataba dunha realidade física máis grande ou dunha Agolada forte en cultura, en potencialidades, ou se era grande o espírito con que a entendemos e vivimos.
Hai cousa de mes e medio outro veciño e amigo, Gonzalo Barrio, asiduo lector desta páxina, envioume un correo desde Tomiño para me animar e gabar a idea do blog. Nese correo dicía que cría que xa existía unha Agolada virtual máis forte que a Agolada física.
Agradézolles todos estes parabéns e alédome de que encontren aquí reflectido esa Agolada que todos desexariamos.
A palabra e o estudio do medio permiten enfocar as realidades cunha dimensión máis interesante e atractiva. A palabra é capaz de revestir de grandeza as cousas miúdas. Pero a palabra non existiría se non existisen realidades que as xustificasen nin lectores que as compartisen.

Na foto a realidade física recolle o parque sen nome que ocupa o antigo campo da feira das vacas. A neve, que nos últimos anos visítanos menos, pousou a súa brancura sobre a palmeira asustada.

4 comentarios:

  1. Non estou de acordo. Hai por aí adiante unha esaxeración irreal de trapalladas que non merecen nin tres palabras e, sen en cambio, Agolada ou calquera outra localidade merecen miles de palabras e máis. Por exemplo: imaxina os centos de horas de traballo que ten enriba a casa fidalga de Barrio. Ti resumíchelo nun posteo. É esaxerado ?. Non creo.
    Por iso e máis a túa Agolada virtual nunca será excesivamente grande.
    Ánimo coa túa laboura e quedo coa frase " A palabra é capaz de revestir de grandeza as cousas miúdas " e ti sabes ben diso.

    ResponderEliminar
  2. As terras fanas fermosas as persoas que as habitan.

    Se por Vosté e o seu blogue for Agolada é unha das terras máis fermosas que hai na rede galega.

    Oxalá se contaxien os seus paisanos.

    Parabéns.

    ResponderEliminar
  3. Moitas gracias ou grazas, Paideleo e Calidonia. Os comentarios que me deixastes son dos que enchen a arca da alma coa fartura do recoñecemento a un labor no que poño moito tempo e moita ilusión.
    Unha aperta agradecida

    ResponderEliminar
  4. O que estás facendo non hai forma material de pagalo; agardo que polo menos te reconforte espiritualmente, que xa é moito. Outro dos teus asiduos paisanos.

    ResponderEliminar