Gobernar un pobo, unha cidade, un concello é certamente difícil. Unha arte que combina intelixencia, oportunidade, pragmatismo, prospectiva, perspectiva, etc. Ás veces fanse as cousas coas mellores intencións e os resultados finais non son os esperados. Outras veces creo que se fan por inercia, polo rigoroso turno dos barrios, das parroquias, dos pedáneos, das subvencións... non o sei.
Vén isto motivado pola pista polideportiva da que vemos unha parte branqueando no medio da foto. Fixérona hai polo menos dez anos en Carmoega, moi preto do río Arnego. Quizais foi pensada para os nenos da parroquia (todos xuntos non fan medio equipo) ou quizais quixeron complementar os servizos da área recreativa que hai onda o río, a uns 500 metros de distancia. Fose como fose a realidade é moi diferente. Nos anos que leva aí non sei de ninguén que a usase con fins deportivos nin doutro xeito. Os poucos nenos da parroquia é difícil xuntalos por viviren en lugares distantes e por riba, a pista queda lonxe das aldeas. De estar á beira de algún núcleo alomenos usaríana os nenos dese núcleo. E que ninguén se engane coa casa que se ve na foto preto da pista. O propietario vén poucas veces e só no verán.
Esta obra tería que facernos reflexionar sobre o feito de priorizar e racionalizar as inversións. Non digo que unha pista polideportiva estea mal. Pero esta fixérona cando en Carmoega non quedan nenos nin mozos. Tampouco sei se foi unha contraprestación pola concentración parcelaria. O que si sei é que nunca vin a ninguén usala. Paréceme unha inversión pouco rendible e mal ubicada.
No noso minifundismo mental somos capaces de pedir e ofrecer (xa oístes na pasada campaña electoral) pistas polideportivas en todas as parroquias, campos de fútbol, servizos a esgalla e mentres tanto a poboación ciscallada polo territorio e en regresión demográfica. Non é racional.
Voces hai que piden desde hai tempo unha política de ordenación do territorio desta nosa Galicia, que é capaz de aguantar a trapallada non sabemos ata cando.
Hai muitísimos cartos mal empregados e un exemplo ben claro é o que puxeches ti.
ResponderEliminarEu miro que cambian as aceras cada pouco, non esperan a que se estropeen as baldosas e logo hai que ir esquivando coches noutros lugares onde non hai unha triste acera.
Cambiando de tema: alédome de que haxa gandeiros que alimenten o gando coma sempre, sei que é tirar pedras contra o propio tellado pero é verdade que a alimentación natural é máis sá.