27 de agosto de 2007

CASA REITORAL DE VENTOSA

Despois dos pazos e casas fidalgas, as casas reitorais ocupaban na xerarquía da parroquia un lugar destacado. En moitos casos ese privilexio ostentábano en solitario. Á parte da residencia do crego podía ser o lugar onde se cociñaban a política local, o caciquismo, as estratexias en determinadas loitas partidarias... e tamén gorentosos pratos que saían das lareiras ata as mesas de xantar repousado con varios cregos no convite.
A reitoral de Ventosa é unha casa de ampla superficie, edificada en dous andares. Advírtese a nobreza da construción en varios dos seus elementos así como a evidencia de varias ampliacións e reformas. Hoxe, abandonada, acusa a deterioración dos anos e o mal gusto dalgúns engadidos.
A fachada norte conta con varias ventás, bufardas, porta á horta e balconada descuberta.
Na foto superior vese a fachada leste, cun pequeno patín. Debeu corresponder no pasado á entrada principal. Aquí funcionou temporalmente a escola de Ventosa.
Un elemento destacable é a solaina na fachada oeste, con columnas e peitoril granítico nun dos seus laterais (o que se ve na foto). Nos outros laterais o peitoril restaurouse con ladrillo visto e causa unha pésima impresión.
Na foto da esquerda vemos a casa coa horta e con varios valados interiores que explican as sucesivas incorporacións de terreo á finca anexa á casa. Todo o recinto está murado cun valado de dous metros de alto salvo na zona norte onde caeu e se restaurou con bloques. Dentro do recinto había cobertizos, forno, cortes, adega, etc.
O edificio está pedindo unha boa restauración posterior á concreción dun uso claro e digno. O vencidario de Ventosa e máis o actual crego, que puxeron moito interese e orgullo na recuperación da fermosísima igrexa románica, non deberan agora perder a oportunidade de completar a obra coa restauración da Rectoral. O edificio merece a pena. E que se lle quiten elementos tan discordantes coma o depósito da auga, tan mal ubicado, ou carpinterías de aluminio, bloques, ladrillos,etc.
Nesta última foto pódese apreciar a soleira moldurada que voa sobre o pavimento do corredor-solaina e o ladrillo visto que lle fai de peitoril. Ademais varias árbores están tapando case por completo a solaina e restándolle a luz que ben seguro buscaban cando a construíron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario