Paradela está no alto, sobre o lombo dunha montaña abaneada polos ventos. Desde a Devesa e Pazos o camiño é unha escada. O camiñante que subía a costa tomaba folgos e facía unha "paradela" (parada breve, de aí o topónimo). É unha aldea pequena, de tres veciños, semiabandonada. As casas de esquistos son baixas e a pedra gra só se emprega nas ucheiras e linteis.
Sufriu unha rotura na súa base, mal reparada con cemento.
En Pazos está estoutro cruceiro, nunha finca privada, á beira do camiño da Devesa. Posteriormente ao momento de descubrilo souben que era obra do propietario da finca, Amadeo Val, quen aproveitou materiais doutras construcións e coas súas dotes canteiras logrou este resultado .
En Quián, por riba da capela do San Ramón, está esta cruz votiva que ofrendaron dúas veciñas do lugar. Tamén foi desplazada desde o cruzamento dos camiños que había onda a ponte vella de Carmoega, nun ribazo das leiras de Quián. De alí arrancaba un carreiro que atallaba cara as casas evitando a antiga congostra.
A cruz consta de basamento con inscrición e o fuste e os brazos son da mesma peza granítica, o que explica a escasa lonxitude dos mesmos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario