1 de setembro de 2007

PRAZA DE DONA CASILDA

Non é habitual poñerlles nomes ás rúas das aldeas. En Gurgueiro temos unha excepción. No final da rúa que se ve na foto de abaixo hai un ancheamento da vía que leva o nome de Praza de dona Casilda, con inscrición nun perpiaño do esquinal dunha casa.
A señora Casilda naceu e morreu en Gurgueiro no século pasado. Cando tiña dous anos sufriu a poliomielite e desde entón quedou impedida. Atendérona os seus familiares. Cando ía bo tempo sacábana á rúa e sentábana nun penedo que estaba no medio dese espazo por que se distraese. Alí sentada saudaba e falaba con todos os veciños que pasaban. Dona Casilda era tan fixa como a propia rocha, se as condicións meteorolóxicas o permitían. Morreu de vella na mesma aldea que a vira nacer.
Pasados algúns anos chegou o asfalto á aldea e anchearon o camiño. Nese labor de ancheamento eliminaron a rocha onde antano sentara a cotío a señora Casilda e os veciños quixeron deixar memoria da señora e da rocha dedicando a praciña a aquela amiga que tanto platicara nela. E así reza a inscrición: Praza de Dª Casilda. 1974.
Para darme máis referencias da señora, indicáronme que era parente do Mutilado de Agolada.
Mágoa que o celo que puxeron os veciños o estragase en parte a empresa que chantou un poste do tendido eléctrico diante da inscrición.

1 comentario:

  1. No concello de Nigrán tamén tiveron o detalle de nomear unha rúa co nome dunha señora centenario que vivía nesa rúa.
    O millor foi que lle puxeron o nome estando ela aínda viva e a alegría que tivo a avoa Carme.

    ResponderEliminar