17 de decembro de 2007

PAXAROS

Foi no comezo deste outono. Os paxaros congregados en concello aconsellábanse no sereno equilibrio dos arames. Era na véspera do gran éxodo meridional.
Ao tomar esta foto necesariamente acudiume á memoria a fraga de Cecebre e o gran bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez. Que pensarán os paxaros deste poste de longas polas metálicas? E das tarabelas do Farelo? Ao velos aí arriba pousados entendín por que agora os paxaros non temen aos espantallos. Postes e tarabelas son espantallos maiúsculos que terman do noso tinglado eléctrico, do mesmo que lle dá vida e enerxía a este aparello que me permite comunicarme coa xente próxima e coa que habita en lugares ignotos e apartados. E os paxaros aí pousados na altura, dominando as panorámicas e os horizontes, tranquilos na seguridade de non saberse ao alcance de moitos depredadores. Mellor aí ca no chan. Non, non temen aos postes nin aos tendidos eléctricos, nin aos miles de voltios que por eles circulan. Os aeroxeradores son outra historia xa contada e calculada. Seica unha desgraza para as aves, que desafían a estes xigantes con espírito quixotesco e suicida.

6 comentarios:

  1. Impresionante xuntanza.¡Vai ti saber que estarán a contar de nos!
    Eles non teñen blogs, unha lástima...
    Apertas e bicos.

    ResponderEliminar
  2. Creo que foi en setembro cando unha mañá cedo na casa da aldea espertei cos chíos dos paxaros.
    Abrín a fiestra e aí estaban no tendido eléctrico a carón da casa. Ducias, moitas ducias deles. Semellaban felices e non se espantaron ante a miña presencia. Pensei que era unha fermosa forma de espertar.

    ResponderEliminar
  3. Cando era pequena gustabame ver tánto paxaro xunto

    ResponderEliminar
  4. E non vos tedes fixado nas aves rapaces que ultimamente teñen como atalaias de caza os fios do tendido eléctrico?. Elas son máis solitarias, pero resultan señoriais escrutando o territorio.

    ResponderEliminar
  5. As tarabelas son fatais para elas e mesma para a mosca !. As vacas de monte, que non son parvas, aproveitan a sombra das tarabelas no verán e, de paso, as aspas axotan á mosca.
    Din que unha imaxe vale máis ca mil palabras pero o que de verdade sabe con poucas palabras saca á vida a poesía e vida dunha foto.

    ResponderEliminar