21 de decembro de 2007

RIQUEZA NO SOBREIRAL DE CARMOEGA


A sobreira ou corticeira é unha árbore que abunda nas parroquias de Carmoega e Brántega e aparece máis irregularmente polas demais parroquias ribeireñas do Ulla ou do Arnego, acada Eidián polo Ulla e sobe deica Vilariño polo Arnego. Pero o verdadeiro sobreiral é un bosque mixto con predominio de frondosas e quercus suber, que hai en Carmoega, entre a Ponte, a Devesa e Paradela e vai deica Garlín en Santa Comba.
Adentrarse nel é unha experiencia gratificante para os sentidos: paisaxes de mesta vizosidade, o río lento e vagaroso no Pozo Negro e os muíños como o da foto, agora en desuso. É o muíño de Bértolo, cos seus tres rodicios e outras tantas moas.
Marcial Barral, liderando Ríos Vivos e Naturviva, asociación ecoloxista de Brántega, convertéronse nos mellores defensores desta riqueza natural, que cando neno era para min un lugar remoto e inaccesible onde habitaban as alimañas e as historias de medo.

3 comentarios:

  1. e non me extraña que che puxese medo adentrarte de cativo nun sitio que de tan frondoso non parece pasar a luz,lugar moi axeitado para viviren seres misteriosos que habitan na mente dos rapaces.
    Noraboa por os que loitan por preservar o patrimonio.

    ResponderEliminar