11 de marzo de 2009

872. PENDELLOS DE AGOLADA: PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

Ás veces pode un resultar reiterativo e chegar a aburrir ao falar con frecuencia dun mesmo asunto. Sabedor dese risco, non podo evitar volver por enésima vez manifestar a excelencia e importancia deste recinto antigo de feira. Tamén reafirmar as nosas demandas da restauración íntegra do conxunto, para a que levamos desde hai catro anos a inciativa das xestións, da posta en valor do antigo mercado e recabando datos históricos, documentación escrita e gráfica...
A declaración de Ben de Interese Cultural, que data de 1985, as actuais obras de restauración das que acompaño varias intantáneas máis abaixo, non son óbice para que desde onte sinta tamén a satisfacción de ver recollido este espazo etnográfico no catálogo oficial do Patrimono Cultural Galego editado pola Consellería de Cultura nunha nova e interesante web.
Na foto superior, a Capela das Virtudes nas pasadas datas de Entroido.

Pendello expositor recuperado.
Este pendello (caseta-almacén) será dedicado a baños públicos, servizo do que estaba moi necesitado o recinto.
Armazón de trabes e pontóns sobre columna pétrea nun dos pendellos-comedor. Soportará o tellado.
As ventás do mesmo pendello-comedor.
A prensa de hoxe recolle a noticia da visita dos arquitectos e de persoal da Deputación e do propio Concello. Acordaron priorizar na segunda fase a rehabilitación de todos os pendellos-expositores que pertenzan á Deputación. O futuro albergue terá que esperar á seguinte fase e a que se considere a viabilidade da xestión do mesmo. Sobre este albergue temos postas desde a Asociación moitas expectativas, porque supón inxectarlle vida ás casetas-almacén e contar cun establecemento hosteleiro que atraería visitas e excursións abondo para facer espertar a Agolada da atonía na que hiberna.

9 comentarios:

  1. Os pendellos sempre foron un referente para a túa querida vila. Non che quero decir nada da felicidade dos bares que están ao seu carón. Orgulloso se pode sentir a Golada con xente como vostede e CIA.
    Apertas, Sr. Busto

    ResponderEliminar
  2. Viva a reiteración. Magnífico traballo de recuperación. Parabéns

    ResponderEliminar
  3. Sirva esta entrada para manifestar unha vez máis a miña admiración e agradecemento polo traballo e dedicación para salvar un patrimonio que é de todos, e co desexo de que nunca entre o desanimo na tarefa emprendida.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  4. Hai veces, Busto, que na reiteración radica o éxito.
    Voso é o dereito a opinar e aportar ideas sobre esa restauración. Se non o tedes vos...quén carallo o vai ter!

    (Alédame ler o canto to Cuco; que xa pensei que padecía unha afonía epistolar crónica).

    Apertas

    ResponderEliminar
  5. Eu tamén digo, viva a reiteración. E grazas por estar a pe de obra.

    ResponderEliminar
  6. Parabéns unha vez mais, Manolo, polo teu seguimento das obras. Dende a miña modestia quería lembrarche que teremos que empezar a falar dos usos dos pendellos. Porque me temo que coa viravolta do país o asunto pode quedar en só restauración. E facía falta darlle o pulo que convirta o recinto en valor en sí e sirva para crear riqueza na vila.

    ResponderEliminar
  7. Dá gusto ver recuperados eses recintos da feira.
    A túa reiteración é lóxica; aquí quen non chora non mama.

    ResponderEliminar
  8. Non me estraña. Agora con isto de que os estan a restaurar... Estan xenial. Bicos.

    ResponderEliminar
  9. Cada día estou mais contento por ver que se fai algo por ese lugar que para min e tan importante.
    Fidel.

    ResponderEliminar