15 de novembro de 2009

A CARBALLA DO CUCO

Hai árbores con nome propio. Por diferentes motivos. Dos sesenta e catro carballos que mandara plantar o escribano D. Ramón de Barrio y Losada no campo da feira de Agolada, este que aparece rotulado nas imaxes distinguíase do resto por ter nome de seu. Foi tronzado a finais dos anos 70 do pasado século para dar paso a unha rúa de asfalto. O poeta Xosé Vázquez Pintor lémbrao así no seu poemario "Banzados": Gastaba uns farrapos de esmolante
 e a cadora viña o vento a turbar aquel vestido sen luces. 
Era a resitencia de nosoutros fronte á forza permanente do ballón
 que tanto a visitaba no corredor do outono e nos invernos máis duros.
Contra ela colocaran o corpo do raposo
que avancaba o mar da gándara na noite azul. 
Onte morreu co paso irremediable do xuíz
que viña heroico a derrubar as moitas árbores do milenio: 
chamábanlle a carballa do cuco. 
Levárona os malditos na carroceta grande, 
trastorada de morte e de canto, coma o albor.

3 comentarios:

  1. "...trastorada de morte e de canto..."

    Non todas as árbores poden gabarse de ter nome propio e, moitísimo menos, de que un mestre das palabras lles compuxera un canto tan fermoso.

    ResponderEliminar
  2. Nos seus versos chora por unha árbore, por un dos nosos carballos, mais aínda quedaría máis triste o cuco cando volveu para pousarse nel e avisar que xa chegara a primavera. Desede O Pico Sacro.

    ResponderEliminar
  3. Morren as cousas, morren as palabras. Dentreo de pouco non haberá un exemplar para dicirlle ó mundo: "isto é unha carballa!".

    E aínda ben deitamos que quedan os versos, fermosos.

    ResponderEliminar