6 de xaneiro de 2010
MEMORIA FOTOGRÁFICA RECUPERADA
Como agasallo de Reis, ofrezo hoxe a cantos lectores se acheguen a este blog estas seis imaxes inéditas do recinto antigo da feira de Agolada: Os Pendellos.
Eu inciara hai xa catro anos xestións diante do arquivo da Deputación de Pontevedra para saber do fotógrafo Novoa, quen editara unha imaxe dos Pendellos no libro "Pontevedra Agrícola" de Pedro Rial López. Naquela ocasión non deu froito a pescuda pois o edificio do arquivo da Deputación estaba en obras de restauración. Logo non volvín andar ese camiño. Quixo a fortuna que o amigo Julio López Regueiro durmise na miña casa de Agolada na noite do 29 de agosto pasado (Noite das Candeas). No cuarto onde durmiu hai un moble con libros onde descubriu con sorpresa o libro devandito. El sabía do autor. Á mañá seguinte baixou a almozar co libro na man. Díxenlle da xoia que contiña aquel libro: unha foto dos Pendellos, única, e tamén da miña primeira investigación e dos nulos resultados. Tamén lle expusen que se un fotógrafo profesional chegou antano aos Pendellos, de seguro que non tomaría unha soa imaxe porque o lugar goza dunha plasticidade especial e a arquitectura crea un conxunto único e irrepetible.
El lembrou que en Santiago había un fotógrafo con dito nome: Foto Novoa. Ofreceuse para seguir as investigacións. Axiña deu con el e mandou recado. Logo de algo máis dun mes de espera aseguráronnos que non conservaban nada anterior a 1973, data na que se lles anegara o estudio da rúa Preguntoiro.
Eu volvín insitir en que cabía a posibilidade de que houbese outro Novoa en Pontevedra. E Julio púxose en contacto coa familia de Pedro Rial e con diversas persoas relacionadas co ámbito da fotografía. Soubo que o tal Novoa fora socio do fotógrafo vigués Manuel García (Magar) e que o seu arquivo pasara a Foto Yáñez. Pero esa vía quedou esgotada. Logo chegou, vía Internet, a falar con D. Gerardo González Martín, quen coñecía á viúva de Manuel Novoa Rodríguez e ofreceuse a facer a xestión. Moi pronto nos mandou as mellores noticias: no arquivo da familia quedaban seis imaxes positivadas, que levaría a reproducir para enviarllas a Julio. Julio, con suma dilixencia, envioumas como agasallo de Nadal. O mellor regalo, as imaxes e o interese do amigo.
Sei, sabemos que estas imaxes recuperan a memoria que o tempo vai esborrallando na brétema dos anos, e con elas tecemos esa outra restauración que tamén necesitan os Pendellos. As dúas últimas imaxes deste vídeo que acabo de subir a Youtube, corresponden aos pendellos dos zoqueiros, lugar irrecuperable e descoñecido para os que teñan menos de corenta anos. Só nos quedarán destes pendellos a memoria dos máis vellos e esta imaxes e algunha outra que poida aparecer no futuro.
Só me resta expresarlles publicamente todo o meu agradecemento ao amigo Julio López Regueiro, que exerce a avogacía en Santiago e en Caldas de Reis, a D. Gerardo González Martín (xornalista que fora director da TVG) e á viúva de Manuel Novoa Rodríguez (fotógrafo vigués que faleceu hai 25 anos) e que un cuarto de século despois volve ser noticia en Agolada.
A imaxe que aparecía no libro é a que está na columna dereita deste blog desde hai meses.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Está claro que quen a segue, case sempre a consegue. E para mostra este botón.
ResponderEliminarParabéns pola pescuda. E mando tamén saúdos para Julio López, a quen non vexo nin escoito (nin leo) dende fai unha temporadiña.
Eso sí, teño que pedirche certa aclaración a un apunte que fas cando aludes aos pendellos dos zoqueiros. Comentas, con animosa semántica, que non os lembran os menores de 40 anos para logo proseguir engadindo que so quedan (polo tanto?)na memoria dos máis vellos...Aquí é onde quero eu que matices un chisco; xa que por estoutro lado do Farelo os nados nos anos sesenta formamos parte, aínda, da xuventude... ;-)
Apertas
Moitas grazas Manuel, foi un pracer axudarte na pescuda das fotos como fiel Watson.
ResponderEliminarFeliz ano santo xubilar compostelano 2010 e agardo o teu paso pola Porta Santa.
Saudos a Chousa con quen concordo que os nados nos 60 son uns rapaces (os reis trouxéronlle unha crema para o acné).
Una aperta para os dous.
Cuco de Pambre
Poucas actitudes son tan dignas de louvanza para min coma a IMPLICACIÓN.
ResponderEliminarE Implicación é a base deste post.
A incondicional e arraigada implicación de Busto pola memoria dos Pendellos e o patrimonio físico e antropolóxico de Agolada.
A ilusionada implicación de Cuco de Pambre na procura do tanxible que alimenta o intanxible.
A desinteresada implicación de Gerardo González, que tomou a pesquisa coma algo (case) persoal.
Porque aínda hai persoas que cuidan das persoas. Porque tecer cabos da memoria nos fai sentir que pertencemos.
Unha aperta forte. A novos e vellos.
Para os anónimos sorprendenos bastante o tema dos pendellos de Agolada porque nin foron únicos nin tan excepcionais como se pretende facer ver. Os pendellos eran os casetos das feiras, de moitas feiras que había por Galiza adiante e en localidades máis pequenas que Agolada había feiras e casetos. Os casetos de Aciveiro, inxustamente tratados, eran tan destacados como os de Agolada, pero grazas ao tesón de persoas como o autor deste blog, agora os acualatenses están por encima de todos en historia, renome, fama e prestixio. As fotos recuperadas dan fe da súa importancia, que sigo afirmando que non era única.
ResponderEliminarGrazas a todos polos vosos comentarios que sempre enriquecen o contido desta páxina.
ResponderEliminarQuero dicirlle ao que deixou este último comentario anónimo que sei ben que os Pendellos de Agolada non foron os únicos nin o son. Coñezo e visito bastantes recintos de feira e é unha tarefa na que persisto. Coñezo máis de trinta recintos, non todos conservan pendellos. E ningún dos recintos que coñezo posúe a extensión e diversidade de construcións que ten o antigo mercado de Agolada. Hai outro dato clarificador: Os Pendellos de Agolada son o único recinto de feira de Galicia que goza da distinción de Conxunto Histórico-Artístico, agora Ben de Interese Cultural. Daquelas ningúen pediu tal distinción, veulle dada pola Dirección Provincial de Bellas Artes.
Dos de Aciveiro falei aquí anteriormente e sendo moi apreciables, non resisten ningunha comparación co recinto de Agolada. Déixo aquí a a entrada que lles dediquei: http://aquamlatam.blogspot.com/2009/01/848-pendellos-de-aciveiro.html
Na etiqueta OUTROS RECINTOS DE FEIRA, están algúns dos que visitei.
Grazas por todo e un cordial saúdo.
Que fácil é perder a memoria e canto custa recuperala!
ResponderEliminarNoraboa polas pesquisas e polo resultado.
Suso
Non pretendo polemizar sobre os pendellos de Agolada que ben merecido teñen todo canto se lles dá, pero xa jode un pouco que algúns ande por Galiza adiante pregonando que estes pendellos son únicos e que Agolada sen eles non sería nada.
ResponderEliminarPor razóns de localización a min tócame defender os maltreitos pendellos de Aciveiro que non son equiparables aos de Agolada pero isó é o de menos. Os de Aciveiro tiveron unha dimensión histórica moi superior aos de Agolada e iso nono saben os viciños de Vilaverde por moitas cousas que lle conten aos visitantes.
Alegrome de que na Agolada pervivan os valores etnográficos do pasado e de que haxa persoas que dan a cara limpamente.
Un saudo
Xa o dixen outra vez, os pendellos de Agolada son a catedral dos pendellos de Galicia, iso non quita que haxa máis catedrais, pero a inquedanza do sr. Busto é un referente de cómo loitar polo noso identificador e diferenciador pasado, e así, entender mellor o presente, para que as xeneracións futuras saiban de onde veñen para saber a onde deben ir; o coñecemento de seu e dos seus.
ResponderEliminarDesde o Pico Sacro.
Imaxino a túa satisfacción ó conseguir esas fotos de 1960 dos pendellos.
ResponderEliminarParabens por un traballo ben feito.
Non podo deixar de unirme a esta morea de parabens pola recuperacion das fotos perdidas dos pendellos.
ResponderEliminarNoraboa de verdade.