8 de outubro de 2010

ESTELA E PLACA FUNERARIA DA ÉPOCA ROMANA ENCONTRADAS EN FERREIROA

Con anterioridade á conquista romana en Callaecia non se conservan restos de escritura nin tampouco restos de monumentos funerarios nin de carácter individual nin colectivo. Só as inscricións latinas feitas nos anos posteriores á conquista nos permiten coñecer restos da lingua indíxena en topónimos, teónimos e antropónimos. Da época romana hai varios tipos de monumentos: estelas (as máis abundantes), aras e placas. As estelas son monumentos funerarios conmemorativos para fincar no chan; as aras son altares dedicados aos deuses e que conteñen inscricións votivas; e as placas (lousas de granito ou de mármore) normalmente encastrábanse nas paredes.
No Museo de Pontevedra consérvanse dúas pedras aqualatenses con inscricións da época romana. Son unha estela e unha placa funeraria. Cítase a parroquia de Ferreiroa como lugar do achádego das dúas pezas. En dita parroquia hai dous xacementos arqueolóxicos desa época. O primeiro deles (foto superior) coñécese como Aldea Vella, no lugar coñecido como O Brollo. Para min ten todas as evidencias de ter sido un antigo castro, romanizado posteriormente, se ben non figura en ninguna catalogación nin privada nin de Patrimonio. Porén o microtopónimo de Aldea Vella, a configuración orográfica do terreo nunha zona elevada e de ampla visibilidade e fácil defensa danme motivos para pensar nesta posibilidade. Non é difícil adiviñar as ruínas das murallas e os foxos colmatados. Os veciños lembran a coroa castrexa e saben de muíños de man que apareceron no lugar.
O segundo lugar está no Alto de Corres (foto que segue a estas liñas), na saída de Agolada cara a Lugo. Alí puidemos ver os escolares da miña época unha cista de enterramento e sitúan os arqueólogos unha necrópole romana.
Non sei con exactitude de cal dos dous xacementos da parroquia de Ferreiroa proceden as pedras con inscricións. Descoñécense as circunstancias do achádego, realizado en 1953. Pero decántome polo primeiro citado.Esta imaxe corresponde a unha placa funeraria de granito. Está rota por arriba e por abaixo. Moi probablemente tivese un remate triangular na parte superior. Conserva escotaduras no arranque. O campo epigráfico está delimitado por unha liña.
A interpretación do texto, segundo apunta Gemma Baños Rodríguez, é a seguinte:
D(is) M(anibus) s(acrum)
Vitalis
an(norum) XXXV
Traducido sería: Aos deuses Manes. Vitalis 35
Ten unhas medidas de 47 x 56 x 8,5 cms. Esta segunda pedra corresponde a unha ara ou estela votiva de granito de pouca calidade. Na parte superior presenta un remate triangular roto e tamén un burato feito con posterioridade. Na fronte aparece unha moldura con acróteras aos lados e un espazo semicircular rebaixado. Na liña 1 o texto adáptase á decoración e as letras son máis pequenas cara o centro da liña. Contra abaixo faise máis ancha e grosa. Aos lados está alisada. Pola parte de atrás está desbastada e algo alisada. Na parte de abaixo aparece rota.
O texto responde aos seguintes caracteres:
CMMA
DMASPUS
DIÛMAS?
VOVVUS?
Na primeira liña podería referirse ao nome do dedicante, expresado dun xeito abreviado C(---) M(---)Ma(---), despois o nome da divinidade, que podería ser máis dunha ou ter o nome con dous elementos (o nome podería acabar en VO na cuarta liña, seguido dun signo en forma de U). Ao final aparecería a fórmula votiva V(otum) S(olvit). DMAS da liña 2 podería ser lido D(is) M(anibus) S(acrum), pero a fórmula V.S. do final fai pensar nun texto votivo.
Esta segunda pedra conta coas medidas 62,5 x 28-45x 8,5 cms.
NOTA: A información epigráfica recollida nesta entrada segue os apuntamentos da especialista Gemma Baños Rodríguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario