2 de xullo de 2011

OS LAGARES DE AGOLADA

O campo da etnografía rural e campesiña é sempre extenso e apaixonante. Dentro desta etnografía campesiña figuran os lagares pétreos destinados á pisa da uva e a prensar o bagazo. Estes elementos etnográficos singulares foron caendo no esquecemento á par da súa deterioración. Son enxeños (baseados en máquinas simples: a panca e o torno) construídos con pedra e madeira, que adoitan estar arrecantados nas adegas ou en pendellos de usos diversos. Por iso soen pasar desapercibidos ao común da xente e maiormente na actualidade desde que se abandonou a produción vitivinícola artesanal. Esta súa “invisibilidade” e máis a circunstancia de que na miña casa paterna teñamos unha destas construcións, animáronme a escribir sobre a súa existencia e significado. Tamén para reivindicar a súa conservación e valorización como construcións xenuínas e singulares que testemuñan a relevancia dunha actividade da economía agraria, escasamente coñecida actualmente. Lagar da Casa Grande de Eidián. O espazo onde se encontra dedícase na actualidade a cafetería do establecemento de turismo rural Pazo de Eidián.
O concello de Agolada na actualidade non conta cunha produción vitivinícola reseñable. No pasado, quizais tivo unha importancia relativa, que ollada desde a perspectiva actual sorprende. Esta importancia evidénciase e xustifícase na presenza significativa de lagares en bastantes casas labregas. Os lagares no termo de Agolada, aparecen fundamentalmente nas aldeas ribeireñas do Ulla e do Arnego. Altitude, temperatura e edafoloxía convértense en elementos determinantes para a produción vinícola e consecuentemente para a existencia de lagares. As mellores colleitas de uvas déronse nas zonas baixas do concello, ao norte e oeste da serra de Órrea, onde predominan os solos arxilosos e esquistosos e onde os veráns son máis cálidos.
A presenza de lagares no concello de Agolada obedece á lóxica das economías autárquicas de autoabastecemento, réxime económico estendido por toda a xeografía galega no pasado e que chegou ata ben avanzado o século XX. Os campesiños de Agolada, especialmente os das terras ribeireñas anteditas, posuían arredor das casas labregas ou sobre as congostras, ou ben nalgunhas leiras solleiras, emparrados de vide. Destas vides procuraban extraer o viño suficiente para o autoconsumo, nunca para comerciar co excedente, que raras veces se produciría. As uvas que colleitaban pertencían a tres variedades: a uva americana, tamén chamada catalá, de cor rosada-violácea; a uva branca, vulgarmente denominada “de collón de gato”; e a tinta (treixadura?). Con elas elaboraban un viño caseiro bastante ácido, que raras veces chegaba á primavera sen avinagrarse. A calidade do viño era, en xeral, mediocre e distinguíase por ter pouco corpo e polo seu sabor afroitado. Os labregos posuían un concepto moi rudimentario de enoloxía. Soubemos de quen lle engadía azucre ao mosto para diminuír a acidez do viño e mesmo oímos dicir que había quen lle botaba anacos de touciño durante a fermentación do mosto para darlle algo máis de corpo ao viño. Tamén escoitamos da práctica pouco habitual de engadirlle augardente ao viño para subirlle a graduación.

Outro costume bastante habitual en moitas casas era reservar algunhas uvas para facer unha mestura de mosto de uva e sidra de mazás, que fermentaban xuntos para obter un viño clarete que recibía a denominación coloquial de “viño carallán”.
Igualmente, acadou un desenrolo notable a produción de sidra de mazá.
Mazás e uvas constituíron a materia prima esencial que motivou a orixe e proliferación dos lagares nun concello de interior como o de Agolada. Nunha catalogación inicial, sen recorrer a un estudo exhaustivo, puiden contabilizar 26 lagares, situados en 15 das 24 parroquias coas que conta o concello. Carmoega e Brántega lideran este catálogo con 4 e 3 lagares respectivamente.
Non temos constancia de lagares nas parroquias aqualatenses de Borraxeiros, As Trabancas, Ventosa, Ferreiroa, Merlín, Val de Sangorza, Gurgueiro, Vilariño e Esperante. De todas elas chámame a atención que non existise ningún lagar en Val de Sangorza, pois esta parroquia está nesa zona baixa do concello, ribeireña do Arnego e cunha produción de uvas semellante á das parroquias colindantes, onde si hai lagares. Nas demais é máis fácil entender a inexistencia de lagares: son terras cunha altitude media superior aos 500 m., con solos graníticos e veráns menos cálidos. Aquí a produción de uva e mazás sería moi inferior e nunca acadaría o grao de madurez dos froitos que se consegue ao sur e oeste da serra de Órrea.
Os lagares son construcións singulares, prominentes e importantes. O esforzo de construílos só se comprende e xustifica cunha produción abundante de viño ou sidra. Por iso os lagares aparecen case sempre naquelas casas que obtiñan unha abondosa colleita de uvas e mazás. As casas que producían menos e que carecían de prensa propia, acudían a un lagar dos existentes na propia parroquia ou noutra veciña a facer o prensado da uva e habitualmente deixaban o bagazo para a alquitara da augardente como pago polo servizo.
Os lagares contan cos elementos precisos para poder prensar as uvas para producir viño, as mazás para obter a sidra. Tamén existen noutras zonas lagares para prensar as olivas para a elaboración do aceite.
O lagar adoitaba construírse na adega ou nun pendello próximo a ela. O tamaño do lagar estaba sempre en íntima correspondencia coa importancia da colleita de uvas, mazás…

Elementos do lagar

O lagar componse dun pilón de pedra de planta rectangular ou cadrada, de capacidade variable, feito de bloques de pedra ben traballados. Vai pousado nunha plataforma, que soe apoiarse nas paredes da adega ou pendello onde se aloxa o lagar.
O mecanismo complétase cunha grosa trabe de madeira (denominada feixe en moitos sitios), articulada no extremo (a rabeira) onde apoia na parede. O oco onde se apoia na parede coñécese como brixeira. Na outra punta da trabe está a cabezalla, na que se enrosca o fuso suxeito ao chan cunha grosa pedra de forma troncocónica, chamada penso ou moa.

Lagar da casa reitoral de Brocos, situado nun pendello anexo á casa. Nel tamén se aloxa o forno.

O prensado
O labor de prensado iníciase co pilón cheo de bagazo, cóbrese con táboas grosas cruzadas e estríbanse coa trabe facendo xirar o fuso. Coa presión do penso e da trabe sobre as táboas comprímese o bagazo e sae o mosto por unha pequena canle (a biqueira) e recóllese nun pilo ou en tinas para levalo aos bocois ou pipas que están na adega. O bagazo estruchado vai para o alambique, alquitara ou pote para elaborar a augardente con el.


BIBLIOGRAFÍA:
Caamaño Suárez, Manuel. As construcións da arquitectura popular.
Lorenzo Fernández, Xaquín. Etnografía. Cultura material. (Historia de Galicia, Ramón Otero Pedrayo).
(Artigo publicado recentemente na revista "A Cacharela" do IES Laxeiro de Lalín).

4 comentarios:

  1. Mui bo artigo.
    Fíxome gracia o de " collón de gato " que creo que é en realidade " collón de galo " que sei que din por Arbo e Tomiño.
    Fíxome gracia o de viño carallán.
    Bueno, creo que estou mui risoño ultimamente.

    ResponderEliminar
  2. Moi bo traballo de busca, ordenación e de ben tratada exposición. Moi lindo.
    O lagar de Santán está en terreo ben alto. Curioso que haxa en Santán e ningún en Vilariño, non é?. O lagar é unha construción secundaria propia das casas de posibles, as outras non podían. A altitude tamén limitaba. Que non se estrague todo este patrimonio!

    ResponderEliminar
  3. Un bo traballo, si señor. Non teño nin idea se existe algún na Ulloa pero de agora en diante fixareime neste asunto.

    Apertas

    ResponderEliminar
  4. Son os lagares o berce do viño, o manancial de milleiros de ilusións, que aturuxo non xurdiu como resultado da eterización dos seus vaos?; Agolada pola aproximación a conca do Ulla tamén pode facer caldos non só “caralláns”; a denominación de subzona Rías Baixas estalle preto, chega ata Camanzo, e co cambio climático pode chegar a ser a "Nova Ribeira Sacra”. Desde O Pico Sacro.

    ResponderEliminar