15 de xaneiro de 2012

MICROTOPONIMIA DA PARROQUIA DE CARMOEGA



A toponimia e a microtoponimia axudan a entender a orixe, a xeografía e a historia dos lugares. Constitúen, por tanto, unha disciplina moi importante para o estudo e preservación do patrimonio inmaterial da lingua que designa e diferencia os espazos.
A tarefa de recollida de microtopónimos é certamente ardua e precisa de medios e de tempo. Necesita tamén de informantes diversos, pois non sempre está fixado con claridade o microtopónimo e existen  varias   versións dun mesmo nome.
Nas imaxes de hoxe (obtidas do Google Earth) grafiei os topónimos maiores e os principais microtopónimos  da parroquia aqualatense de Carmoega, a mesma que proxectou a primeira luz da miña mirada.
Os topónimos falan de casas pacegas (Pazos), abundancia de fentos ou felgos (A Filgueira), terreo de pastoreo con árbores ou bosque de caducifolias (A Devesa), da situación espacial (Aldea de Riba, tamén denominada A Igrexa), un antropónimo, casa de Quivo, nome medieval (Casquive), un haxiónimo (Santandré), un lugar situado na cima dunha encosta (Paradela), A Pena (casa pacega asentada sobre unha peneda que aflora no medio da eira e Quián (cuxo significado descoñezo).
Na microtoponimia o río leva un radical de auga Arn-ego (en clara consonancia con Arno, Arnoia), os montes: Coto de Santandré, a Zarra da Pena (chousa duns 700 ferrados nos que un valado pétreo alberga o mellor bosque de sobreiras), a Zarra Grande, Os Penedos, A Pena do Muíño, Pena Negra e a Vultureira (do "vultus" latino, lugar onde abundaron os voitres ata mediados do século XX).
Hai outros que testemuñan o cultivo e traballo do liño: Os Liñares, O Batán, O Mazadeiro; pasos de río: O Porto, O Porto do Frade, A Regueira.
Fincas que teñen abundancia de pedra e terra: O Coedo, O Pedregal. A presenza de muíños: As Aceas, o Prado do Muíño, o Muíño Vello...
Nada de misterios, todos se refiren a asuntos cotiáns, á vexetación (A Filgueira, o Prado das Nogueiras), á situación (Riba das Casas, a Soairés...), a unha construción singular (A Tosta de Primo, a Pontevella...). Neste punto é preciso indicar que a tal Ponte Vella debeu de ser moi antiga pois onde se cita a súa situación hai moitos anos que non existe ponte e río arriba queda constancia de catro pontes, das que están en uso as dúas máis recentes, unha terceira é da época da Segunda República e quedan restos dun pear da ponte medieval do ano 817.
A historia está presente en Os Castros, O Porto do Frade, e San Sadurniño (na veciña parroquia de Vilariño).
Outros son moi simples: O Camiño do Cura (une a reitoral de Brántega coa igrexa anexa de Carmoega), As Cancelas e algúns indescifrables: A Cipeira, A Zamborá, A Canuda.
O Cabo (situado no final da aldea de Pazos), O Rodo, prados que remataban nunha vagoada con forma semicircular...
E O Campo de San Amaro, onde en días coma o de hoxe se facía a romaría, pois é a festa de inverno da parroquia. A do verán é o San Pedro, pero esta romaría facíase no lugar de A Devesa.
Deténdome na microtoponimia aprendín a mirar o fermoso val que me viu nacer e conseguín entender voces que aínda falan desde o pasado.

1 comentario:

  1. Graciñas por todas estas cousas que nos achegas. Dá gusto entrar no teu Blog e ver que hai algo novo para aprender.
    Déixoche as que creo que son as solucións a algúns topónimos:
    A Cipeira = A Cepeira (var. de "cepa")
    A Canuda, seguramente un abundancial de "cana".
    Quián provén do nome dun propietario medieval [VILLA IKILANI (de Íquila) ou QUEDANE (de Queda)].
    Unha aperta

    L. Méndez

    ResponderEliminar