O XENTILICIO
A palabra que designa o lugar de nacemento ou orixe dunha persoa coñécese co nome de xentilicio. Moitos pobos teñen xentilicio, ás veces máis de un. Outros, sen embargo, carecen de tal termo. Verbi gratia: Aos naturais de Lugo dicímoslles lugueses (palabra que evolucionou pola vía patrimonial, derivada de Lugo, "raíz lug-") e lucenses (palabra culta derivada do Lucus latino, "raíz luc-"). Cando un pobo carece de xentilicio pode inventalo (as linguas son invencións humanas), pero debe facelo cun criterio lóxico e sobre todo atender ás indicacións dos filólogos, que para algo estudan e investigan.
Agolense, agoladense, agoladés, aqualatense. Estas catro formas foron utilizadas nalgún momento por diferentes falantes como posibles xentilicios para a localidade de Agolada. Con cal quedarnos? Produto da inquedanza por dar co máis atinado quixen saber máis e púxenme en contacto con Gonzalo Navaza Blanco (presidente da Comisión de Onomástica de Galicia e membro destacado da Comisión de Toponima da Xunta de Galicia, ademais de autor de publicacións varias sobre toponimia e profesor universitario), disto hai xa tres ou catro anos, e falamos longamente de toponimia. Coincidimos en que a forma "agolense", empregada en varios medios de comunicación, non respecta minimamente o topónimo Agolada que ofrece unha raíz "agolad-" (na que conserva o AGO de Aquam e LAD de Latam) á que se lle poden engadir os sufixos pertinentes. Se buscamos un xentilicio que siga a vía patrimonial poñeriámoslle o sufixo -és para dicir AGOLADÉS e AGOLADESA. Se buscamos un xentilicio que siga a vía culta teriamos que recorrer ao étimo latino AQUALATA e poñerlle o sufixo culto -ense e teriamos o xentilicio AQUALATENSE (para ambos xéneros).
AGOL-ENSE non se sostén porque despreza parte da raíz da palabra LADA (levada) e mestura unha raíz patrimonial cun sufixo culto (dúas vías evolutivas diferentes). O mesmo lle pasa a AGOLADENSE, respecta a raíz patrimonial pero mestúraa co sufixo culto.
Exemplos de xentilicios dúplices (patrimonial e culto):
VIVEIRÉS - VIVARIENSE ............................de Viveiro
MELIDAO - MELIDENSE...............................de Melide
NEGREIRÉS - NIGRARIENSE ...................... de Negreira
ORTIGUEIRÉS - URTICARIENSE ................ de Ortigueira
...
Manolo, hai que entender que para moita xente é difícil recoñecer: Agolada. Para eles sempre foi Golada, e hoxe en día esa xente segue a chamarlle: Golada, digamos que foi unha imposición que durante moitos anos foi asimiliada pola poboación e punto, temos que entender iso. Efectivamente, historicamente o topónimo era Agolada e é Agolada a súa denominación correcta, pero tamén temos que entender que ao longo de moitos anos se lle chamou Golada, e é difícil de cambiar dun día para outro, é cuestión de tempo.
ResponderEliminarUn saúdo,
Luís
Interesante e aleccionador artigo. Cada día aprendemos algo novo que nos axuda a comprender o entorno que nos arrodea.
ResponderEliminarXa sei que é a interpretación máis estendida, pero eo creo que más que “ auga levada”, o segundo termo, “lata”, máis que o participio do verbo levar ( “ fero, fers, ferre, tuli, latum”) pode ser máis ben que derive do adxectivo “ latus, lata, latum”, ancho, gordo. Así o topónimo significaría “ auga gorda” ( é dicir, auga con xofre), ou tamén lugar húmido con auga estendida, ou sexa, “ sitio brañento”. Todos sabemos que en Agolada abundan os terreos brañentos, e así mesmo hai fontes de augas medicinais.
ResponderEliminarGrazas a todos os que deixades aquí o voso parecer e aportación.
ResponderEliminarRespecto ao último comentario sobre os diferentes significados do termo LATAM quero responderlle co seguinte:
- Eu decántome pola opción de "auga conducida ou levada" por varias razóns: pola autoridade de quen así o interpretou (a Encilcopedia Lingüística Hispánica, Abelardo Moralejo Laso e Fernando Cabeza Quiles); porque sei por referencias orais que houbo unha condución pétrea no seu último tramo para levar a auga do Regueiro a un muíño hoxe desaparecido, pero do que se garda memoria e constancia nos microtopónimos Prado do Muíño e Camiño do Muíño; porque en 1569 aparece citada documentamentalmente a única casa do lugar e noméase como Pousa de Agualevada.
O de auga brañenta (que enchoupa os terreos brañentos)tería tamén moita lóxica en Agolada, pero xa digo, polo exposto anteriormente decántome maiormente pola opción conducida ou levada.
En calquera caso grazas pola aportación e máis a luz que poñemos sobre a orixe do topónimo que nos acolle como localidade e como concello.
Aínda que un servidor hai moito tempo que non vai a misa ningunha, o que di o estudoso Manuel Busto vai a misa, ademais nesta ocasión mesmo indica onde puido estar esa levada ou canal artificial que levaría a auga dende O Regueiro cara a un muíño hoxe desaparecido, pero aínda presente no microtopónimo Prado do Muíño. En canto ao posible significado de Agolada igual a auga ancha, penso que non é posible, aínda que si o sexa, por exemplo, no topónimo catalán Peralada, proveniente de petra lata= pedra ancha.Por outra banda,paréceme encomiable o cariño e o amor que sente Manolo Busto pola súa terra; os meus parabéns e admiración.
ResponderEliminarGrazas a Fernando Cabeza Quiles polo seu comentario e aportación e pola deferencia de visitar esta páxina e tamén polas verbas de loanza.
ResponderEliminarParéceme moi ben Fernando, curiosamente e o mesmo que ti defendes ( "Os nomes da terra. Topónimos galegos" Ed. Toxosoutos, p. 201), pero iso de que ten que ir a misa, paréceme moi forte, xa sabes, nesta vida todo é discutible, e mais no tema o que nos referimos. O que hoxe e branco, mañá pode ser mais negro co pecado.
ResponderEliminarE mesmo o pecado non ten por que ser negro. Con todo, penso que a miña -e doutros autores coincidintes- explicación ten moitas, moitas posibilidades de ser certa.
ResponderEliminar