As únicas referencias que nos quedan do seu valor arquitectónico encóntranse nas casas do arredor. Perpiaños con molduras paralelas, dous brasóns moi semellantes, fragmentos de arquivoltas decoradas, tres ménsulas e un desaparecido capitel son suficientes para corroborar a calidade arquitectónica do recinto pechado que albergaba cociña, refectorio, sala capitular, almacéns, celas e un posible scriptorium. O espazo no que se desenrolaba o LABORA, mentres que o templo era o lugar do ORA.
Fragmentos de arquivoltas
Perpiaño con moldura lateral.
A carón da igrexa hai un edificio en pé, que foi usado como vivenda (quizais reitoral) na planta alta e como corte ou palleira na planta baixa, onde predomina o uso de perpiaños perfectamente labrados. Pero polas distintas molduras colocadas ao chou, advírtese que o edificio foi reconstruído con materiais doutro edificio anterior (o claustro).
Non é difícil aventurar cal foi o devir do edificio. Extinguida a vida contemplativa das monxas en Vilanova, quizais seguise durante decenios como un priorato que tributaba a San Paio de Antealtares, e logo xa coa Desamortización, moi probablemente foron vendidos os seus materiais para a construción das casas labregas das inmediacións, como sucedeu en tantos outros lugares con idéntico final. Por iso sempre é interesante dar un paseo no entorno destes edificios e ir coa mirada moi atenta ás pedras, que sendo mudas, falan da historia con estática elocuencia.
Nunha entrada anterior deste mesmo blog falei do desaparecido capitel que puiden retratar en varias ocasións anteriores a 1995.
Ningún comentario:
Publicar un comentario