Tratar de escribir sobre a historia do mosteiro de monxas benedictinas de Órrea é tarefa difícil pola escaseza de documentación ao respecto, segundo confesan os historiadores que se acercaron ao seu coñecemento. Un achegamento podemos encontralo no PDF da tese doutoral de Teresa Claudina Moure Pena. Existe tamén unha publicación do profesor FERNÁNDEZ DE VIANA Y VIEITES, JOSÉ IGNACIO " “San Andrés de Órrea, monasterio benedictino”. Santa María del Paular, 1977 (separata).
Nestas publicacións acharemos algunhas referencias á súa fundación (existe un pergameo que di que en 1171 a abadesa de Órrea, Toda Roderici, fai unha doazón ao mosteiro de Sobrado) , o seu abadoloxio, varios foros e compra-vendas, recollidos no Tumbo de Órrea, arquivado no mosteiro de Antealtares en Santiago, a onde fora trasladada toda a documentación de Órrea, unha vez que as monxas quedaran anexionadas a San Paio de Antealtares en 1499, cando era abadesa dona Aldara López de Figueroa.
O que centra o meu interese ao xirar visita a Órrea, non é exactamente a súa historia, senón a constatación de que alí pervive a memoria dun mosteiro, e non só dunha igrexa parroquial, nos restos arqueolóxicos, na memoria colectiva e na microtoponimia. Despois de 517 anos aínda se denomina unha fonte como Fonte das Monxas (non é difícil aventurar que esta fonte surtiría de auga o antigo mosteiro) e un camiño, que sae desde as inmediacións da igrexa cara a aldea de Vilariño previo paso polo cruceiro de Talladente; denomínase aínda como o Camiño das Monxas. As fincas próximas reciben os nomes de Prado do Igrexario e Prado de Mosteiro (en referencia ao propietario, de apelido Mosteiro).
Outro sinal inequívoco dese pasado monacal de Órrea encontrámolo na casa máis próxima ao templo e que ocupa terreo da antiga clausura, coñecida como casa da Tulla. Desta denominación é fácil deducir que esta casa funcionou durante anos como lugar de recollida de tributos (especialmente gran) á igrexa ou ao mosteiro de San Paio de Antealtares. A devandita casa presenta algúns restos arqueolóxicos que remiten ao antigo mosteiro. A palabra "tulla" alude a depósito, arca ou hucha para almacenar o cereal.
É frecuente que naqueles lugares onde houbo antigos mosteiros, logo abandonados, a pedra destes se aproveitase para erixir as construcións labregas do arredor.
Na casa da Tulla de Órrea quedan algunhas pedras gravadas que só se entenden como pertencentes a un edificio anterior, pois nesta casa están fóra de contexto.
Que a segunda casa máis próxima ao mosteiro se chame a casa de Mosteiro e que os seus moradores leven este apelido non sorprende en absoluto. A orixe do apelido é bastante probable que derive desta proximidade ao cenobio benedictino. A factura construtiva da casa tamén invita a pensar que a profusión de perpiaños teña que ver coa facilidade de aproveitar material xa tallado previamente.
Esta de arriba sería un expoñente claro da tipoloxía arquitectónica das casas labregas da zona. Nótense as diferenzas.
O edificio da igrexa experimentou cambios neste cinco séculos transcorridos. Non só desapareceu o claustro. A fachada ten a súa metade superior reformada e adaptada aos gustos barrocos, os canzorriños do lado sur foron removidos, o Agnus Dei e a antefixa foron substituídos por un sinxelo pináculo barroco. O Agnus Dei xace agora oculto baixo a ara dun desaparecido cruceiro, adosado ao muro norte da ábsida.
No muro que rodea o adro aínda encontramos un antigo tímpano románico, basamentos dalgunhas columnas... Con bastante probabilidade, pertencentes ás dependencias monásticas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario