Podería comezar esta crónica dunha maneira sinxela, cunha soa imaxe do recén acabado auditorio que imos estrear axiña os veciños de Agolada. Pero, como a obra ten a súa historia e a súa envegadura, creo que é merecente de maior atención.
Podemos comezar esta historia cunha imaxe aérea de Agolada de 1956. Para situarnos no contexto da vila actual. E para observar o solar (sinalado cun asterisco azul na foto) onde primeiro se construíu o cuartel da Garda Civil, arredor de 1960, e onde na actualidade se erixiu o edificio do auditorio. En 1956, o solar formaba parte do campo da feira das vacas.
Na seguinte imaxe aérea, do ano 2002, advírtese a evolución e progreso da vila nos 46 anos transcorridos. E tamén sinalado co asterisco azul o edificio do cuartel.
Imaxe aérea do 2014, xa pode observarse o edificio do auditorio rematado na súa estrutura exterior.
A continuación ofrecemos a imaxe que a empresa madrileña "Paisajes Españoles" tomara en 1973. Na esquina superior esquerda da foto vemos aínda activo o cuartel da Garda Civil. O edificio contaba con dous pavillóns de dous andares, paralelos e con catro vivendas cada un. Na fachada principal, un pavillón de planta baixa albergaba a porta, as oficinas, o cabozo e o posto de garda. Este pavillón servía de unión aos edificios das vivendas. Ademais contaba cun patio central e algúns garaxes na parte traseira do patio, formando unha mazá pechada en si mesma.
A mediados dos anos 80, o ministerio de Defensa emprendeu unha reestruturación dos cuarteis e o de Agolada tivo que pechar, non sen que o vecindario expresase a súa disconformidade, mesmo con manifestacións de forza (cortar a estrada principal con barricadas de lume). Visto na distancia dos anos, quizais tan exacerbado como ineficaz. E co cuartel fóronse as oito familias que o habitaban. Outro elemento que sumou no declive poboacional. Unha vila perde servizos e cos servizos tamén perde poboación ou viceversa.
Nestas dúas imaxes vemos xa o cuartel moi deteriorado despois de 20 anos de abandono sen que Defensa o cedese nin lle buscase outro destino. O Ministerio terminaría finalmente cedéndoo ao Concello. A primeira idea do Concello foi dedicalo a vivendas de emerxencia social. Para o auditorio tiñan escollido o solar do mercadiño dos queixos, no entorno dos Pendellos. A orientación de varios profesionais e as peticións de varios sectores terminaron por decantar o auditorio cara a este solar.
No ano 2008 derrubouse o vello cuartel e iniciáronse as obras do auditorio, por fases.
Aos veciños deunos tempo de ir analizando a evolución da obra ao ritmo dos cartos que empezaron a escasear nos anos da crise.Co exterior xa rematado, houbo que esperar varios anos ata completalo no seu interior.
Na seguinte fotografía podemos ver ao fondo o costado do escenario do auditorio. A pantalla do edificio érguese sobre as edificacións circundantes e o impacto visual é unha obviedade.
En primeiro plano podemos observar o solar a herba, que linda co enlousado desta rúa: Era o incialmente escollido para auditorio.
E xa postos en materia, formular un desexo: que se lle dea moito uso con concertos, obras de teatro, conferencias, mitins, actuacións varias... e que o Concello e o vecindario saibamos coidar e respectar estas instalacións que tantos cartos e tantos anos de espera nos custaron.
Concordo en todo Manolo...que teña vida o auditorio....longa vida
ResponderEliminar