8 de maio de 2017

ENCRUCILLADA DOS CABALOS

Agolada foi unha importante encrucillada dos camiños e das calzadas. Esta gándara da Galicia central era lugar de paso e pousada. O territorio aqualatense estivo desde antigo vertebrado polos camiños que castrexos e romanos trazaran e que no decorrer dos séculos habían de se converter en camiños reais. A vila de Agolada naceu preto dun muíño e á beira dunha cantina asentada na lóxica estratéxica dos camiños. E coa institución da feira do 12 coñeceu o esplendor das multitudes congregadas.
Naquel ir e vir de camiñantes de a pé e dacabalo soubo das diferentes monturas. E na encrucillada por antonomasia nacerían a cabaleriza do cuartel (Casa da Audiencia), a posta de cabalos da estafeta e as reatas de mulas que o Caldeireiro tiña para carretar metais desde Asturias e viño desde o Ribeiro. Carromato e cabalos que levaban e traían desde Curtis e Betanzos mercadorías e transeúntes. A encrucillada dos camiños estaba ateigada de cabalos e mantivo a presenza das monturas ata ben entrada  a segunda metade do século XX, como podemos observar na imaxe de finais dos anos 50, con tres membros da familia Caldeireiro lucindo dous fermosos cabalos. Detrás deles vemos o tellado da cabaleriza da Casa da Audiencia. (Imaxe restaurada do arquivo de José García Piñeiro).

Ningún comentario:

Publicar un comentario