6 de xuño de 2017

IDENTIFICAR UN MILIARIO ANEPÍGRAFE

Un lector do anterior artigo aquí publicado pregúntase como se pode afirmar que unha columna anepígrafe é un miliario romano. A cuestión está moi ben plantexada. Sabémolo os que levamos 8 anos buscando elementos que nos confirmasen que en Agolada tiñamos un miliario. E oito anos tardamos en facelo público ata que a suma de vestixios e indicios nos permitiron disipar dúbidas.
A primeira noticia partiu dun membro da Federación Ecoloxista Galega. El indicounos que noutra visita anterior que fixera aos Pendellos acompañado dun arqueólogo santiagués, este llo ensinara coa certeza de ser un miliario romano. Aí comezaron as nosas pescudas e tamén o escepticismo. Quizais, porque esperabamos encontrar algún tipo de inscrición. Cabía a posibilidade de que o fuste estivese moi erosionado ou que incluso fose labrado a posteriori para este novo uso. Descoñeciamos a existencia dos miliarios anepígrafes.
Paulatinamente fomos buscando bibliografía sobre miliarios e ilustrándonos sobre medidas, formas e actuais localizacións. Vimos outros miliarios epigrafiados e anepígrafes. E fomos descubrindo o común denominador do cepo cúbico, que era a parte que soía soterrarse. Precisamente a forma cúbica, permítelle mellor suxección ao terreo que a forma cilíndrica. A columna de Agolada tamén presenta esta base cúbica, aínda que descoñecemos a medida da parte soterrada. Tamén fomos aprendendo que as medidas dos miliarios son moi diversas, e non todos son descomunais. As medidas do miliario dos Pendellos son bastantes comúns a outros moitos miliarios. Podería dicirse que é un miliario de tamaño medio. Tanto en altura coma no diámetro do fuste. Outra característica que puidemos observar é que non todos os miliarios son cilindros perfectos, tamén os hai bastante irregulares e inclúen a sección elíptica, como o de Agolada. Igualmente, descubrimos que hai moitos miliarios que foron seccionados na parte superior. O de Agolada tamén parece estar truncado en altura.
Pero todo isto, aínda non era suficiente, había que situalo dentro dun contexto de vía romana próxima. Esa foi a pescuda posterior. O libro "Miliarios e outras inscricións romanas" de D. Antonio Rodríguez Colmenero e outros, ilustrounos moito neste asunto, tanto no paso de vías por territorio aqualatense como na existencia doutros miliarios na contorna.
Na imaxe anterior vemos un miliario epígrafe situado na ponte de Chaves (Portugal). Moi ben cilindrado e cunha epigrafía case perfecta. Aí non caben dúbidas. Tamén os miliarios son máis elaborados nos lugares máis importantes.

Miliario epígrafe, de fuste cilíndrico e cepo cúbico.

Miliario anepígrafe con fuste paralelepípedo e basamento cúbico.

Reaproveitamento dun miliario como elemento construtivo nunha vivenda.

Miliarios epígrafes, cilindrados e con cepo cúbico.
Miliario epígrafe de fuste case cilíndrico.
MIliario anepígrafe, ben cilindrado, basamento cúbico e truncado na parte superior.
 Miliario anepígrafe, ben cilindrado, truncado e con basamento cúbico.
Miliarios anepígrafes, cilindrados e con basamento cúbico.
 Miliario epígrafe con cilindro-cónico e basamento cúbico.
 Miliario anepígrafe, con fuste cilíndrico erosionado e basamento cúbico.
 Na comparativa con outros miliarios, vimos que o miliario situado nos Pendellos compartía formas e semellanzas con outros, como os aquí presentados, a maioría anepígrafes e catalogados como tales.
Non quixemos interpretar o miliario de Agolada como unha simple columna, por varios motivos:

1. Porque en todo o recinto dos Pendellos e en toda a contorna de Agolada hai decenas ou centenas de esteos e ningún é cilíndrico, todos son semellantes aos demais dos Pendellos ou ben son de fuste cadrado coas arestas biseladas.
2. Porque tiña todas as características que debe ter un miliario anepígrafe.

3. Porque segundo diferentes historiadores, xeógrafos e arqueólogos por Agolada puideron pasar ata dúas vías romanas. Nada menos que a Vía XIX e a Vía Dactonium-Aquis Celenis. Consúltese a Rodríguez Colmenero, Raúl Villanueva, José Cornide Saavedra, Padre Sarmiento, etc.

 4. Pola existencia doutros vestixios arqueolóxicos coñecidos en Agolada (unha estela, unha placa funeraria, un xacemento romano). A existencia destes vestixios sitúan o miliario dos Pendellos dentro dun contexto romanizado.

5. Pola existencia doutros miliarios nas proximidades en dirección ás terras de Camba, que cadrarían con esa Vía Dactonium Aquis Celenis.

6. Pola existencia de topónimos nestes itinerarios asociados ás vías romanas: Ponte Pedriña en dirección a Rodeiro. O Marco, Antas e Ponte Pedriña en dirección a Monterroso na Vía XIX.

E finalmente, aínda estamos pendentes da visita de D. Antonio Rodríguez Colmenero para valorar desde o seu labor profesional todos estes vestixios. Pero xa no mes de xaneiro tivemos unha entrevista con el no seu Lugo de residencia e expuxémoslle todos estes argumentos. Coa súa cautela de profesional afeito a ver in situ os vestixios limitouse a expresar o seu interese e desexo de xirar visita a estes lugares.







Ningún comentario:

Publicar un comentario