11 de xuño de 2017

VODA EN FERREIROA

Pablo Galego vén de inundar, no último mes, o meu correo electrónico de fotografías dixitalizadas das que tomara o seu pai, Manuel Galego Iglesias, nos primeiros anos 60. Manuel Galego, natural de Órrea-Agolada, traballaba daquelas na Cámara Agraria e actuaba ocasionalmente como fotógrafo local. Realmente estou sorprendido co seu arquivo, por variado e porque tamén nel ten cabida, ademais da fotografía persoal ou de cerimonias, a fotografía-documento e a fotorreportaxe. Debo confesar que albergo certo pudor para difundir unha boa parte delas. Os motivos son diversos. Si cómpre declarar que o motivo que me anima é recuperar o noso pasado recente, para destacar os seus valores históricos, sociais, etnográficos e culturais. E tamén aprender por simple comparación co presente.
Hoxe publico unha imaxe dunha voda, celebrada na igrexa de Ferreiroa. Nela temos un compendio de lecturas de interese: a sinxeleza e austeridade das vodas de antano (nótese a ausencia de limusinas ou semellantes), a  memoria da xente, da súa vestimenta festiva, a memoria perdida dos antigos camiños da aldea (aquí o camiño vén da igrexa e accede á pontella antiga sobre o río Ferreiroa), os enormes valados pétreos, as terras de labor co cereal maduro agardando a seitura, a vexetación arbórea, a palleira e o pombal da casa de Sarandeses...
Estamos diante doutro arquivo de enorme interese para os aqualatenses, xunto aos de Jesús Faílde Oro e Ton van Vliet. E desde aquí exprésolles público agradecemento a Pablo  por terme feito partícipe del e a Inma pola mediación necesaria. Con moitas destas imaxes fun capaz de reconstruír eses espazos baleiros que a desmemoria deixa arrecantados nos sucos cerebrais.

1 comentario: