Este patrimonio da arquitectura popular non sempre é considerado adecuadamente. Desde que se iniciara a construción dos modernos camiños, estradas e prazas ao longo dos últimos setenta anos, estes monumentos están a experimentar ameazas de diferentes causas: destrución, case sempre involuntaria e fortuíta; deslocalización do seu emprazamento orixinal; construcións improcedentes no seu entorno... Este último é o caso que afecta a varios cruceiros da parroquia de Borraxeiros. E poño esta parroquia de exemplo como podería poñer moitas outras.
Na imaxe de arriba vemos o cruceiro procesional da parroquia, con pousadoiro e sen iconografía. A colocación dunha farola metálica ao seu carón non parece unha idea con "moitas luces". Un e outro réstanse protagonismo.
Este cruceiro, sito en Couso de Baixo creo que tivo que ser removido cando se construíu a estrada asfaltada. Posteriormente construíuse detrás un depósito de auga cun caseto de bloques que afean e minimizan a monumentalidade pétrea da cruz.
Estas dúas últimas imaxes, tomadas o mesmo día e á mesma hora e coa mesma luz explican como os controis da cámara poden operar luces tan opostas. Pero non é este o tema. Na primeira quero reflectir o entorno visual do cruceiro fortemente contaminado pola intrusión en competencia polo espazo aéreo do transformador, os cables e a torreta do tendido eléctrico.Nestoutra quero ofrecer a mellor imaxe do cruceiro de Sión, que é así como se denomina, situado a carón da estradiña que comunica O Quinteiro con Vilanova. A imaxe quixen ofrecela con toda a súa luz e cor natural. Un encuadre distinto e un pouco de retoque fotográfico para eliminar a presenza do cableado aéreo e temos o monumento en todo o seu esplendor, o que xa posuía no momento en que foi construído. Esplendor monumental, relixioso, plástico e histórico.
Cun pouquiño máis de sensibilidade por este patrimonio todos sairemos ganando. Os cruceiros tamén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario